Hoxe é Sábado 4 de Maio de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A xornalista Ana González Liste gaña o III Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético

AnaGListe

A xornalista viguesa foi premiada pola reportaxe publicada en Praza Pública onde denuncia a falta de recursos e os fallos existentes no sistema de vixilancia e seguimento por medios telemáticos que protexe ás mulleres vítimas da violencia machista. O galardón, dotado con 1.500 euros, entregarase na III Gala Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético que se celebra este venres ás 20.00 horas no auditorio da Xunqueira.

A xornalista viguesa Ana González Liste resultou gañadora da terceira edición duns galardóns que naceron co obxectivo de recoñecer publicamente a ética á hora de tratar informacións relacionadas coa violencia machista, fuxindo de sensacionalismos e respectando a intimidade das vítimas e as súas familias. A súa reportaxe baixo o título “A orde de afastamento sen pulseira non vale”: a vida das 151 mulleres no seguimento por violencia machista en Galicia, fala da vida das mulleres galegas vítimas de violencia de xénero que contan con seguemento telemático por parte da policía. O xurado valorou no seu traballo, publicado o 23 de febreiro en Praza Pública, a denuncia da falta de recursos e os fallos no sistema de seguimento integral en casos de violencia de xénero (Viogén), a través de testemuños das propias vítimas e de persoal implicado neste servizo de protección.

A concelleria de Igualdade, Iria Vilaboa, salienta “a forza do artigo” que foi seleccionado entre os 12 traballos presentados “o que pon en valor a calidade da reportaxe de Ana González Liste, que competía con outras publicación que poden resultar máis atractias como pode ser un audiovisual”.

Liste manifestou que é “un orgullo recibir este premio que leva o nome de Sesé Mateo, á que non puiden esquecer desde o seu asasinato, que recibiu un tratamento informativo inicial infame que non sucedería se as e os profesionais do xornalismo tivésemos unha axeitada formación para abordar estes temas”. A xornalista viguesa explica que a reportaxe premiada “busca reflectir o día a día das mulleres vítimas de violencia machista que sobreviven e viven cunha pulseira que non lles permite esquecer que o perigo segue aí, pero que á vez fai posible que sigan con vida”. Por iso agradece enormemente “a xenerosidade das mulleres que se abriron comigo e dedicáronme o seu tempo para que esta reportaxe fose posible”.

Licenciada en Xornalismo pola Universidad Complutense de Madrid, Ana González ten un Máster pola Universitat de Barcelona e a Columbia Journalism School e pertence á asociación Xornalistas Galegas. Traballou nos xornais Faro de Vigo, El Paí e Nós diario, na axencia Europa Press e na revista de cultura galega Inorantes. Colabora coas publicacións Luzes, La Marea e Vinte e na actualidade traballa en Praza Pública.

III Gala Premio Sesé Mateo

A gañadora recollerá o premio, dotado con 1.500 euros, na III Gala Premio Sesé Mateo que se celebra no auditorio da Xunqueira este venres, 24 de novembro, ás 20 horas. A xornalista Laura Vaqueiro será a encargada de presentar o acto, que contará coas actuacións do grupo Faíscas e a Aula Municipal de Teatro. As gañadoras das edicións anteriores, Patricia Costa (RNE) e Cristina García (CRTVG), participarán nunha charla aberta sobre o machismo nos medios de comunicación. A gala contará coa participación de Joshua Mateo, fillo de Sesé Mateo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará