Hoxe é Sábado 4 de Maio de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O goberno local de Redondela visita Carballo para coñecer a súa experiencia en compostaxe

Visita Carballo

Unha delegación do Concello de Redondela encabezada pola concelleira de Sanidade e Medio Ambiente, Persoas Maiores e Infancia, Pilar Martínez, e o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, visitou o concello de Carballo para aprender da súa experiencia na xestión dos residuos orgánicos e na compostaxe. Martínez e Villar mantiveron unha xuntanza co alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras, Luis Lamas, na que tamén participaron técnicos vinculados aos servizos municipais de xestión dos residuos, que lles explicaron as liñas básicas do traballo que vén desenvolvendo o Concello de Carballo nesta materia, na que é un referente dentro e fóra de Galicia. Tamén recibiron toda a información sobre os aspectos administrativos e o funcionamento do servizo, sobre todo no que se refire ao programa de compostaxe na zona rural e á experiencia urbana “Ti tes a chave”.

Martínez e Villar valoraron de xeito moi positivo esta visita, xa que a Lei de Residuos e Solos Contaminados obriga a todos os concellos a ter implantada a recollida selectiva de residuos orgánicos no ano 2024 e Redondela está a traballar “no mellor xeito de poñelo en marcha”. Villar afirma que “o modelo de xestión de residuos orgánicos de Carballo sería o ideal para implantar en Redondela dadas as necesidades do noso municipio”.

Para o concelleiro Roberto Villar a xuntanza foi moi positiva

Pilar Martínez coincide en que o modelo da localidade coruñesa é o axeitado para trasladar a Redondela “xa que leva tempo funcionando e cos bos resultados”. Para a edil responsable de Saúde e Medio Ambiente a posta en marcha do quinto colector suporá unha mellora “non só na xestión dos residuos, senón tamén na saúde e na calidade de vida dos veciños tanto no rural como nas zonas urbanas”.

Pilar Martínez asegura que a xestión dos biorresiduos mellorará a calidade de vida dos veciños

O goberno local de Redondela agradeceu “a amabilidade e boa diposición do Concello de Carballo” á hora de explicarlles a xestión e funcionamento do seu sistema de recollida de biorresiduos domésticos. Desde o Concello redondelán entregaron ao Concello de Carballo un agasallo institucional para a súa biblioteca pública que consistiu en tres libros: un volume que recolle sete cantigas de Martín Códax e a única que se conserva de Mendiño, editado polo Concello de Redondela, un libro sobre o cemiterio dos Eidos e unha edición de banda deseñada sobre a Batalla de Rande.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

2 respostas

  1. Bo exemplo de colaboración entre municipios.

    A solución ao problema dos residuos municipais ten que ser unha solución técnica, non política do tipo: “Pilar Martínez coincide en que o modelo da localidade coruñesa é o axeitado para trasladar a Redondela “xa que leva tempo funcionando e cos bos resultados”.”

    Hai que realizar estudos antes de saber cal é o mellor modelo para o Concello, doutro modo o que se implante vai ser un fracaso. O novo sistema ten que levar parello un aumento das taxas do lixo e iso vai xerar unha guerra, social e política, senón o tempo.

    Os concelleiros están vendendo o que queren, pois a nova lexislación de residuos ten mais tareas para os Concellos como: recollida separada de metáis, mobles, textil,… Alcanzar unha taxa de porcentaxe de residuos para reciclar (nin de coña a alcanzou o concello, nin ningún outro de Galicia), estudo de edificios municipais con amianto,… Así que ao Concello de Redondela aínda lle queda ben de traballo por diante.

    Así como a concellería de medio ambiente pública as análisis das fontes, que publique o arquivo cronolóxico dos residuos que son recollidos no concello, por mes e fracción, e sí, isto tamén é de obrigarorio cumprimento pola lexislación, así que o concello os datos os ten.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará