Hoxe é Domingo 19 de Maio de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela prepárase para o XXIV Entroido de Verán

Entroido veran 2023 presentación

A concelleira de Cultura e Tusimo, Rita Pérez, e a alcaldesa Digna Rivas presentaron o cartel do Entroido

A cita, unha das máis agardadas na programación estival da provincia, será o sábado 19 de agosto e ofrecerá actividades para o público de todas as idades.

O Concello de Redondela, a través da Concellería de Turismo, celebra o sábado 19 de agosto o XXIV Entroido de Verán. As actividades no recinto do Campo da Feira comezarán ás 20.00 horas coa sesión DJ a cargo de Carlos González e Borja Rúa. Ás 21.30 arrancará a xa tradicional Gala Drag con Cristian de Samil como mestre de cerimonias e que repartirá 1.800 euros en premios. Rematada a gala comezarán os concertos. Os primeiros en subir ao escenario ás 23.00 horas serán os integrantes da banda A Quinkillada. Logo actuará o artista galego Ortiga e por último o canario Dasoul. O DJ redondelán Rodri Vegas será o encargado de pechar a festa. A concelleira de Turismo e Cultura, Rita Pérez, sinala que o programa ten un marcado acento galego “con agrupacións e artistas do país que ademais ofrecen temas en galego, un xeito de apoiar desde Redondela o talento da nosa comunidade, que é moito”. Neste caso ademais a banda A Quinkillada e o músico Ortiga ofrecen uns espectáculos “moi acaídos para o Entroido de Verán, cunha posta en escena divertida e festeira que porá a bailar a todo o público”, apunta a concelleira.

Actividades para público infantil

O Concello de Redondela volve apostar polas actividades dedicadas aos máis pequenos. O Entroido de Verán ofrecerá xogos e espectáculos para toda a familia en diferentes localizacións no centro da vila. A pista da Xunqueira e a praza de Ponteareas acollerán inchables con auga e na pista da Petanca o grupo Animar-T fará bailar a grandes e pequenos co espectáculo “A bailar”. A praza da Torre acollerá un touro mecánico e o inchable “Eliminator”, mentres que na praza de Lenda haberá pistas inchables de fútbol e baloncesto. As actividades infantís rematará ás 21.30 coa Festa da Escuma na pista da Xunqueira. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, salienta que a intención do Concello redondelán é ofrecer unha programación “que teña en conta ao público de todas as idades, para que tanto os mozos e adultos como nenos teñen o seu propio espazo con actividades específicas”. Estas actividades ofrécense en cinco espazos diferentes repartidos pola vila “para evitar aglomeracións e que o público infantil e familiar poida rotar polos diferentes recintos”, explica a rexedora local.

Liñas de transporte

Como en anos anteriores o transporte público reforzarase con liñas especiais de ida e volta a Redondela desde Vigo, Pontevedra e O Porriño. Os autobuses sairán con destino a Redondela desde diferentes puntos a partir das 18.00 horas, e haberá transporte de volta ata as 06.00 horas.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará