Hoxe é Luns 7 de Outubro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela cualifica de éxito o seu paso polo Culturgal

culturgal

O Concello redondelán foi o único que, xunto con Pontevedra, participou con stand propio na gran feira da cultura galega. Un espazo que serviu para dar a coñecer o potencial cultural do noso concello ante as máis de 9.000 persoas que pasaron polo Culturgal.

Un espazo no que se promocionaron os CD’s de Alberto Vilas ou As Efémeras –dous referentes na música dentro e fora das nosas fronteiras– mentres que, de agasallo, os visitantes podían levarse discos da Escola de Saxos e un recopilatorio de artistas locais realizado pola asociación ArteLixo.

Non faltaron os folletos detallados da programación cultural de Outono e Nadal, os que invitaban a facer unha viaxe pola historia de Rande perfectamente explicada no Museo Meirande, ou os que deixaban ao descuberto elementos do patrimonio inmaterial como as Penlas, a Coca ou do patrimonio máis tanxible como o Cemiterio dos Eidos, cargado de historia e beleza arquitectónica recentemente recuperado e posto en valor polo Goberno local.

Tamén se puxo o acento en eventos que, ano tras ano, colocan a Redondela no mapa da cultura de Galicia e do resto do Estado como é o caso do Festival Internacional de Títeres de Redondela, un referente a nivel internacional, ou o ArteLixo, certame que crece de xeito exponencial co paso do tempo.

A concelleira de Cultura, Iria Vilaboa, que agradecía a colaboración “incondicional” de ArteLixo e Xente Titiriteira, amosou a súa satisfacción “pola enorme acollida que tivo o stand e polo interese que amosaron pola actividade cultural de Redondela todas as persoas que por el pasaron”.

En total máis de 700 persoas solicitaron información da oferta cultural no stand do Concello de Redondela das que, máis de 200, levaron as bolsas con material divulgativo sobre dita oferta. Digna Rivas subliñou que a maioría das persoas que pasaron, residentes na provincia de Pontevedra, “se ben coñecían Redondela e máis dunha vez tiñan visitado a vila e paseado polas súas rúas e prazas, descoñecían a ampla oferta cultural que o municipio ofrecía e que supón, segundo comentaron, un bo motivo para realizar novas visitas”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará