O Festival Internacional de Títeres “Memorial Juanjo Amoedo” celebrará a súa XXII edición do 1 ao 5 de setembro. Malia que as datas habituais do certame son en maio, do mesmo xeito que o ano pasado o festival desprázase a setembro por mor da pandemia do COVID-19. Luis Crespo, organizador da Asociación Xente Titiriteira, explica que repetirán o modelo do 2020. A experiencia do ano pasado foi “moi positiva” xa que os protocolos de distanciamento e hixiene permitiron celebrar un Festival “seguro”. Este ano recuperarán os espectáculos itinerantes polas rúas, ademais da programación en carpas e no auditorio da Xunqueira. A XXII edición contará cunhas 25 compañías “á espera de poder pechar a programación en función da situación epidemiolóxica”.
Tanto nas carpas como no auditorio será necesario que o público faga a súa reserva previa de entradas, que se porán á venda dúas semanas antes. Como se fixo na pasada edición, os espectáculos nas carpas terán un prezo simbólico de 1 euro e agruparase ao público por “grupos burbulla de conviventes”. Isto obriga aos organizadores a confeccionar o patio de butacas “en función da venta de entradas”. Deste xeito garanten o distanciamento entre familias, o que xunto co uso obrigatorio da máscara e a ventilación fai destes espectáculos “espazos seguros fronte á Covid”.
Na programación deste ano incluiranse tamén varias exposicións, entre elas unha mostra de homenaxe a Títeres Cachirulo polo seu 35º aniversario. O que descartan desde a organización é poder recuperar nesta edición a programación escolar, xa que o limitado aforo do auditorio da Xunqueira e a distancia obrigatoria fan que sexa “inviable”. Crespo confía en que no Festival Internacional de Títeres de Redondela poida recupera en 2022 “todas as súas actividades tradicionais”.