Hoxe é Domingo 28 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A Alameda Castelao acolle a mostra “Conquistadoras”

Digna Rivas. Inauguración Conquistadoras 02

A exposición, que recolle imaxes e biografías de mulleres galegas, quere poñer en valor “a importancia da participación da muller na sociedade”, como sinalaba este mediodía na inaguración a alcaldesa Digna Rivas. Con esta iniciativa a Concellería de Igualdade, que dirixe Rivas, quere amosar nas rúas de Redondela “a historia do esforzo de moitas mulleres que, dende diferentes ámbitos persoais e profesionais, foron quen de conquistar o dereito a ser elas, sen necesidade de pedir o permiso deles”.

Na apertura desta mostra –na que a alcaldesa estivo acompañada por algunhas das protagonistas como Carmen Avendaño, e das familias doutras redondelás – Rivas lembrou que “Conquistadoras” refírese precisamente “ás conquistas que moitas mulleres galegas conseguiron para todas nós”.

Dende o comezo do acto inaugural, a artista Alba Fernández Troiteiro, comezaba a pintar un mural representativo da xornada na que, segundo as propias palabras da autora “quería representar mulleres sen rostro, como representación de todas, e coas súas trenzas unidas como mostra de unión e fortaleza”.

Rivas, logo de agradecer “o enorme traballo que realizaran os técnicos de Cultura e Normalización Lingüística na organización desta mostra”, lembrou que cada un dos paneis “cada rostro e cada nome, representa un caso de éxito profesional, solidariedade, cultura ou loita pola xustiza que exemplifican a importancia da participación da muller”.

No percorrido por “Conquistadoras” atopamos biografías como as de María Pita ou María Castaña, que na época medieval se enfrontaron aos abusos do invasor inglés e da igrexa, respectivamente. Tamén as de mulleres que son un símbolos da cultura, coma Rosalía de Castro ou Emilia Pardo Bazán; mulleres que abriron o camiño para o acceso á universidade, coma Olimpia Valencia; pintoras, pianistas, xornalistas ou deportistas como Irene González, quen foi a primeira porteira de fútbol nun equipo de homes”. Tamén se inclúen na mostra mulleres que colaboraron na loita democrática contra o franquismo, coma María Araújo, ou na resistencia contra os nazis, coma Placeres Castellanos. Houbo mulleres de orixe galega que saíron ao exilio como María Casares, unha das actrices centrais do teatro francés no século XX.

Mención especial merecen nesta mostra mulleres de Redondela como Paulina Sánchez, Ernestina Otero, Rita Regojo, Rita Otero… e tamén mulleres dos nosos días como a cinesata Diana Toucedo.

Trala intervención da alcaldesa, tomaron tamén a palabra familiares dalgunhas das protagonitas de ‘Conquistadoras’, así, Pedro Regojo facía unha semblanza da súa nai, Rita Otero de igual forma que Rita Márquez, falaba sa súa nai Rita Regojo, irmá de Pedro. Pola súa banda, Marita Sánchez recordaba a súa tía Paulina Sánchez e Faustino Castro, da Fundación Filomena Otero, salientaba o traballo que a favor das persoas máis necesitadas tiña realizado a muller que daba nome á fundación.

Finalmente, Carmen Avendaño, protagonista tamén desta mostra, falaba do seu traballo, duro traballo, na loita contra as drogodependencias e da inserción laboral e social das persoas ás que a Asociación Érguete, axuda a reconstruír a súa vida.

A mostra “Conquistadoras”, con 60 cubos doutras tantas mulleres, poderá visitarse ao longo de to o mes de marzo na Alameda Castelao. En abril trasladarase ao paseo marítimo de Chapela, e en maio levarase a Cesantes, para percorrer despois o resto de parroquias do municipio. Cúmprese deste xeito un dos obxectivos que ten a Concellería de Igualdade “para que a loita pola igualdade non se limite a un so día, senón que sexa unha acción continuada ao longo de todo o ano, porque é o único xeito de acadar unha sociedade xusta, igualitaria e decente”, remataba Rivas.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará