Hoxe é Venres 19 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Ensino comparte as demandas das ANPAs ante un protocolo que non garante a seguridade nas aulas

RR_Noticias

O goberno local solicitou unha reunión urxente tanto co Xefe territorial da Consellería de Ensino, Cesar Pérez Ares como co servizo de transportes para analizar e buscar solucións aos temas que máis preocupan as Asociacións de Pais e Nais de cara ao inicio do curso en setembro. Cuestións como as medidas sanitarias que garantan a distancia entre o alumnado, a contratación de máis persoal, a posta en marcha de reformas tecnolóxicas ou a xestión dos comedores e o transporte.

A Concelleira de Ensino, Olga García e máis a alcaldesa, Digna Rivas reuníanse na xornada de onte cos representantes das ANPAs do Concello ante o malestar amosado por estas asociacións logo do protocolo publicado pola Xunta de cara ao vindeiro curso 2020-2021.
“Os ánimos están moi caldeados” aseguraba García “ante un protocolo que non foi consensuado con ninguén e que non contempla as medidas necesarias para garantir a seguridade sanitaria nin unha correcta atención educativa”. Neste sentido explica que as demandas da comunidade educativa son claras: que se reduza o ratio de alumnado por clase que actualmente está en 25 alumnos, que se incremente o persoal coa contratación de máis docentes e que se poñan en marcha reformas tecnolóxicas para que, no caso de novos rebrotes, os docentes e o alumnado estean preparados para afrontar as clases online que foron fundamentais no confinamento.
Outro tema sobre a mesa é o futuro dos comedores escolares, xa que as ANPAs ameazan con deixar de xestionalos ao verse incapaces de cumprir coa normativa por non contar con medios económicos para contratar máis persoal. Por último, reclaman tamén que se aborden solucións ao tema do transporte “a Xunta aposta por non dar servizo ao alumnado de bacharelato e eliminar as paradas máis próximas aos centros escolares para evitar que os autobuses se enchan, cando nós entendemos que a solución ten que pasar por incrementar as frecuencias”.
Para abordar todas estas cuestións xa está prevista unha reunión na primeira semana de agosto co Xefe territorial da Consellería de Ensino, Cesar Pérez Ares e está solicitada tamén unha reunión co servizo de transportes “se esas xuntanzas non achegan solucións non descartamos mobilizarnos”.
 
 
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará