“Atentado contra a saúde pública, verteduras, gases, cheiros diarios” así o denuncian os veciños de Rande e Cabanas que decidiron colocar no exterior das súas vivendas carteis nos que reclaman a saída de Aucosa do litoral. Un traslado da planta que tamén defenden dende o Concello, malia que aseguran se trata dunha competencia da Xunta cuxos servizos medioambientais informaron favorablemente sobre esta actividade malia ser “altamente contaminante e estar ubicada nunha zona limítrofe á Rede Natura 2000”.
Os veciños da zona de Rande e Cabanas levan anos denunciando o fedor procedente desta fábrica de fariñas de peixe. Unha situación que teñen denunciado na policía, no concello e nos xulgados sen obter unha solución as súas queixas. Os afectados decidiron agora facer máis visible a súa denuncia coa colocación de carteis nos que esixen a retirada da empresa “Aucosa ¡Fóra!” e recollen en cifras as súas queixas: verteduras 15.000 metros cúbicos, Gases CO2 30.100.000 kg/ano e cheiros diarios provocados pola trimetilamina.
Unha protesta coa que manifestan o seu rexeitamento a seguir soportando uns cheiros que lles impiden abrir as fiestras e uns vertidos e residuos que son constantes e se teñen agravado nos últimos tempos” segundo denuncian.