Hoxe é Sábado 20 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela elimina as franxas horarias nas parroquias

RR_Noticias

A Comisión de Seguimento do Covid-19 do Concello de Redondela, reunida na xornada de hoxe, decidiu finalmente asumir a liberdade horaria recollida no Boe e que establece a eliminación das franxas horarias nas parroquias de menos de 5.000 habitantes. Con todo, e ante a falta dos datos solicitados á Xunta en torno á evolución da enfermidade no noso municipio, o goberno local aconsella aos veciños “que á hora de saír a pasear e facer deporte o sigan facendo respectando a franxa horaria como ata agora”.

A alcaldesa Digna Rivas subliña o feito de que por parte da Xunta de Galicia e do Sergas “aínda non se nos aclarou ningunha das dúbidas que tíñamos sobre a liberdade horaria nas parroquias ou sobre a evolución da COVID-19 no noso municipio”. Unha información que considera imprescindible para a seguridade dos veciños e veciñas polo que non entende a “negativa reiterada e sistemática do Sergas de facilitarlle ao Concello eses datos”.
Neste sentido lembra a alcaldesa que outras comunidades, como Asturias ou Cantabria, teñen informados continuamente aos seus municipios da evolución da pandemia nos seus termos municipais “de cara a que poidan adaptar as medidas preventivas e traballar de xeito máis eficaz no camiño desta Fase 1 cousa que, polo visto para a Xunta e o Sergas, non ten relevancia algunha”.
O goberno local por prudencia o sábado pasado tomaba a decisión de non aplicar a liberdade horaria nas parroquias á espera de celebrar a Comisión de Seguimento que estaba convocada para hoxe mércores.
Avaliada a situación asumen agora esa “liberdade horaria á hora de pasear e facer deporte” que se aplica en todas as parroquias (excepto en Redondela centro e Chapela por superar os 5000 habitantes). Con todo, dende o Concello “aconsellan por todo o anteriormente exposto que se sigan respectando as franxas horarias en todo o municipio como ata agora”.
Co obxecto de incidir nesa necesaria prudencia e responsabilidade, dende o concello poñen en marcha a campaña “Faino por todos e por todas” na que se insistirá nas dúas únicas medidas que, segundo a alcaldesa de Redondela, “poden frear a pandemia” que son a prevención e sensibilización da veciñanza.
A campaña consta de dúas partes ben definidas, por unha banda unha “moi visual” con carteis situados nas zonas máis transitadas das parroquias e do casco urbano de Redondela, nos que se sinalan as medidas e recomendacións que debe seguir a veciñanza para previr o contaxio. A outra parte da campaña correrá a cargo de voluntarios e voluntarias coa formación precisa para explicar á veciñanza as medidas que teñen que adoptar e como evitar os riscos nesta situación de emerxencia sanitaria.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará