Hoxe é Sábado 27 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Concello facilita routers e conexión a internet ata o remate do curso ao alumnado que o precisa

RR_Noticias

O goberno local asume o custe tanto dos dispositivos como da tarifa de conexión co obxecto de facilitar que estes nenos e nenas poidan seguir as clases non presenciais. A entrega de material, do mesmo xeito que das fotocopias das tarefas escolares, faise en coordinacións cos titores do alumnado. Dende a Concellería de Ensino critican que a Xunta non facilitara esta tarefa “poñendo dende o comezo toda clase de impedimentos sobre a quen facerlle chegar este material alegando temas de protección de datos”.

Os nenos e nenas que non teñan conexión a internet nos seus domicilios poderán seguir as clases non presenciais grazas aos router que vén de adquirir o Concello de Redondela que tamén asumirá, ata o remate do curso escolar, a tarifa de conexión a internet destes dispositivos.
Con esta iniciativa, a Concellería de Educación, que xestiona Olga García Ballesteros, da un paso máis na colaboración cos centros escolares á hora de permitir que ningún alumno ou alumna do municipio, quede relegado á hora de poder seguir as clases non presenciais.
A entrega dos dispositivos, ao igual que a das tarefas escolares impresas, faise en coordinación cos titores e titoras do alumnado “xa que son os que coñecen, mellor que ninguén, a realidade de cada un dos seus alumnos e alumnas”, explica a concelleira redondelá.
Porén, Olga García lamentou que a Consellería de Educación, “en lugar de sumar esforzos” e facilitar a tarefa que desenvolve o Concello como administración máis próxima á cidadanía, “puxo dende o comezo toda clase de impedimentos, incluso para poder achegarlle as tarefas escolares impresas aos nenos e nenas que o necesitaban alegando temas de protección de datos”.
A maiores, a Concellería de Educación do Concello de Redondela colaborou na distribución dos ordenadores que posúen os centros escolares “ao alumnado que non dispón de ordenador na súa casa” media á que agora engádese a de dotar aos nenos e nenas que o precisen, “de dispositivos que lles permitan conectarse á rede para que poidan seguir as clases de xeito non presencial”.
Pola súa banda, a alcaldesa Digna Rivas reafirmouse en que “o Goberno local está e estará sempre alí onde a súa veciñanza o precise” e lembrou as iniciativas que dende o primeiro momento se desenvolveron “en estreita colaboración e coordinación cos centros escolares” para que os nenos e nenas, independentemente do seu lugar de residencia, puideran continuar os seus estudos “coa maior normalidade posible dentro das estrañas circunstancias que nos toca vivir”.
Dende o inicio da crise sanitaria e o conseguinte estado de alarma, o concello de Redondela adoptou diversas medidas encamiñadas a protexer a saúde da cidadanía traballando na desinfección de lugares especialmente sensibles, entregando mascaras cirúrxicas homologadas ás farmacias para a súa distribución entre a poboación de risco e mercando 50.000 unidades de máscaras cirúrxicas para distribuír entre a cidadanía para que, no momento en que sexa posible, poidan saír á rúa.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará