Hoxe é Venres 29 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela intensifica a atención a persoas e colectivos máis vulnerables durante o estado de alarma

RR_Noticias

Ao reparto de alimentos aos nenos e nenas beneficiarios do comedor escolar, “que se xestionou dende o primeiro día”, engádense novas medidas para as persoas que vivan soas e precisen dunha maior atención como o teléfono 986 401713, aberto a todos aqueles que precisen falar con alguén neste tempo de confinamento.

O Concello vén de reforzar o servizo que, dende o pasado día 14, se presta aos colectivos e persoas máis vulnerables ou en risco de exclusión, iniciativas encamiñadas tanto a garantirlles os produtos de primeira necesidade coma a proporcionarlles asistencia e axuda nas diferentes situacións que se lle poidan presentar ao longo do estado de alarma.
A alcaldesa Digna Rivas subliña o feito que a preocupación do goberno, “dende o primeiro día” foi a atención aos nenos e nenas beneficiarios do comedor escolar de cara a que “tivesen garantida unha nutrición e dieta axeitada”. Nese sentido, sinalou que os cheques que lles permitirán facer compra de produtos básicos para catro semanas “comezaranse a entregar esta mesma semana porque tiñan que seguir unha tramitación administrativa establecida” e serán entregados ás familias que o precisan “seguindo o criterio técnico das traballadoras e educadoras sociais que son as que mellor coñecen as necesidades de cada un dos casos”.
Pese a iso, aclara a alcaldesa redondelá “os nenos e nenas tiveron garantida, dende o primeiro día, a súa alimentación que se lle fixo chegar a través de Cáritas e do servizo de voluntariado de Protección Civil”.
A maiores da alimentación, os servizos sociais e a Concellería de Ensino, están tamén preparando lotes de libros e cadernos para pintar que serán entregados, “debidamente precintados e desinfectados”, polo persoal voluntario de Protección Civil, “que posúen os coñecementos precisos para realizar esta labor con todo tipo de garantías”.
Lembran tamén dende o concello que xa está en funcionamento o teléfono 986 401713, un servizo de escoita activa promovido polas Concellerías de Servizos Sociais e da Terceira Idade en colaboración coa Cruz Vermella de Redondela, que estará operativo de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas co obxecto de manter o contacto coas persoas, sobre todo maiores, ás que o confinamento suponlles unha situación difícil de levar e que precisan falar con alguén.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará