Hoxe é Venres 6 de Decembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A esquerda promete máis colaboración cos colectivos culturais e o PP aposta por grandes obras

RR_Noticias

PSOE, AER, BNG e Unidas Podemos entenden, e así o manifestaron no debate electoral organizado pola Radio Municipal de Redondela, que é preciso fomentar a participación dos colectivos para manter o noso concello como referente no eido cultural. A aposta do PP pasa por grandes obras e comprometen para o vindeiro mandato “un gran auditorio” no caso de revalidar a alcaldía. Ciudadanos aposta pola dinamización de San Simón cun proxecto que levaría por nome “A illa das palabras”.

O concello de Redondela é bandeira, dende hai anos, no ámbito cultural grazas, en gran medida, ás iniciativas que parten dende os propios veciños, con innumerables festivais e citas que se desenvolven durante todo o ano. Apostar por esta participación é un dos obxectivos dos grupos de esquerda que se presentan a estes comicios electorais. Así o defendía por exemplo a candidata de AER, Susana Couñago quen anunciaba que os seu grupo fuxiría de prácticas habituais por parte do Concello nestes últimos anos consistentes en contratar persoas alleas para a realización de actividades culturais. Anunciaba tamén unha reforma do Entroido de verán “para que deixe de ser unha festa etílica”. Dende o PSOE anuncian unha maior colaboración coas asociacións e poñen o acento na necesidade de fomentar o turismo “aproveitar o noso lugar como parada do Camiño Portugués e recuperar unha oficina de turismo que funcione todo o ano”. A necesidade de colaborar coas asociacións é tamén prioritaria para o candidato de Unidas Podemos, Enrique Fojo “facilitándolles material do que dispón o concello” e avoga por recuperar o espírito das festas “que non se deturpe por exemplo a Festa da Coca que o PP quere converter na festa do Corpus”. A candidata de Ciudadanos, Paqui Canal, aproveitaba para reivindicar festivais desaparecidos do calendario cultural, como o Redondela en Curto e anunciaba a súa intención de converter a Illa de San Simón na “Illa das palabras” na que escritores de prestixio se dean cita nun evento no que os escolares sexan tamén protagonistas. As propostas culturais do BNG pasan pola creación dun Consello Municipal da Cultura con presenza dos colectivos, a posta en valor dos convenios interparroquiais “que moven a centos de persoas” e a recuperación da Illa da Memoria que manteña viva a lembranza do que alí pasou como cárcere e campo de concentración durante a represión franquista. Pechaba o bloque dedicado a Cultura o popular Javier Bas, quen centraba a súa intervención falando de grandes obras “o resto dos grupos pensan en pequeniño, nos pensamos en grande e prometemos un gran auditorio enmarcado no proxecto do barrio das Artes para A marisma”.    

Susana Couñago AER
Defende unha reformulación de eventos como o Entroido de verán
Digna Rivas PSOE
Potenciar o Camiño Portugués
Enrique Fojo Unidas Podemos
Manter o espírito das festas locais
Paqui Canal Ciudadanos
A illa das palabras
Xoán Carlos González BNG
Creación do Consello Municipal da Cultura
Javier Bas PP
Aposta por un gran auditorio e por deixar de pensar en pequeniño no eido cultural

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará