Hoxe é Xoves 28 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Un xornal por e para os galegos

RR_Noticias

Redondela acolleu onte a presentación do Diario Galego, unha aposta editorial de Sermos Galiza que sairá á rúa en xaneiro de 2019. Un proxecto “ilusionante” segundo os seus promotores, que ofrecerá unha óptica propia da actualidade de xeito “veraz, obxectivo e independente”, que só se vai deber “aos seus lectores”. Para facelo realidade precisan 3.000 subscritores.

O estudo de fotografía Cal 3 acolleu a presentación no serán de onte. Andrés Couñago Laxe, voceiro da asociación cultural Alén Nós que organizou o acto, fixo fincapé na importancia histórica deste lanzamento editorial. Das oito cabeceiras que se editan en Galicia, ningunha delas está escrita en galego, e outros proxectos anteriores fracasaron. A activista cultural Elsa Quintas remarcou a necesidade de contar cun medio de comunicación no idioma do país. Por iso desde Sermos Galiza decidiron poñer en marcha un proxecto “en positivo”, en prol da información e tamén da lingua. Quintas lembrou que o galego é a única lingua oficial do Estado que perde falantes, e defende que un xornal neste idioma daralle máis presenza á lingua. Entende que tamén nos medios de comunicación hai que normalizar o galego, do mesmo xeito que se esixe esa normalización noutros ámbitos como a xustiza, o comercio ou a administración. Xabier Pérez, secretario do Consello de Administración do Sermos Galiza, recoñeceu que emprenderon “unha aventura” cando se decidiron a lanzar o xornal diario “nun momento de crise do xornalismo, da lingua e do soporte en papel”. Pero advirte que se trata dunha aposta “ben meditada e sólida”. O seu obxectivo é sumar 3.000 subscritores este verán para garantir a viabilidade do xornal. Ese é o volumen de tirada coa que conta o semanario Sermos Galiza que agora editan. Esta base social, segundo explica, premitiralles traballar con “independecia” e permitirá que o seu único compromiso sexa “cos lectores”. A aposta por facer o xornal “en papel” non se debe só “á nostalxia”, senón tamén á necesidade de fuxir “do ruído e saturación” que supón o formato dixital. Lamenta que malia que agora existe moita máis información nas redes “estamos máis desinformados ca nunca”. O xornal Diaro Galego sairá cinco días por semana, de martes a sábado, cun suplemento na fin de semana que será o semanario Sermos Galiza. O prezo da subscrición é de 27 euros mensuais, e tamén contará con versión dixital.

Andrés Couñago de Alén Nós
Couñago Laxe advirte da importancia deste proxecto editorial en galego.
Elsa Quintas activista cultural
A lingüista lembra que o galego é a única lingua oficial do Estado que perde falantes.
Xabier Pérez Sermos Galiza
O obxectivo é sumar 3.000 subscritores para facer viable un xornal independente.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará