Hoxe é Venres 19 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Ao Choco fáltalle puntería

RR_Noticias

Os redondeláns fallaron varias ocasións ante o Compostela, que foi máis eficaz e levou os tres puntos de Santa Mariña logo dun partido moi disputado. Na Segunda Autonómica Choco B e Arcade empataron ante Tomiño e Unión San Paio, respectivamente. Na Terceira Autonómica o Atl. Vilar fíxose co derbi ante o Beretes, o Chapela gañou ao Lavadores e o Cesantes goleou ao San Andrés. No fútbol sala victorias de Pazos e Arealonga e derrotas de Campito e Redondela F.S.

Terceira División
Choco 1-2 Compostela
O conxunto redondelán e o santiagués disputaron un duelo con moito ritmo, cunha clara aposta ofensiva e moitas ocasións de gol, no que finalmente levou os tres puntos o equipo que estivo máis acertado de cara a portaría. Mediada a primeira metade, o Choco dispuxo dunha pena máxima tras unha internada de Óscar “Chiqui”, que cedeu a Ricar, pero sufriu un agarrón. Gabi Misa disparou, pero Lucas Díaz despexou con acerto. A tres minutos para o descanso, unha xogada entre Ricar e Gándara terminou cun disparo do lateral axustado ao pau, que esivo preto do gol. O inicio da segunda metade resultou clave no desenlace do encontro porque Tomás Abelleira aproveitou a primeira opción de ataque do Compostela. Realizou unha xogada persoal e superou a Cortegoso. O gardameta redondelán, que realizou boas intervencións na primeira metade, foi superado nesta ocasión polo xogador compostelán. Respondeu Ricar cunha falta directa que volveu atallar Lucas e o enfrontamento continuou con certo dominio local, pero con moitas alternativas e chegadas constantes á área dos dous equipos. Neste contexto, chegou o segundo tanto do Compostela, que decantaba o encontro. Rubén desbordou por banda e cedeu a Óscar “Primo”, que rematou á rede. O Choco seguiuno tentando, e mesmo tivo opcións de empate. Pablo Couñago cabeceou á rede un centro de Óscar “Chiqui” ao fío do minuto noventa que poñía o 1-2. Na última acción do partido, o propio Chiqui dispuxo dun man a man ante Lucas, pero rematou fóra e o Choco perdeu na casa, situación que non se daba desde o pasado mes de agosto. O equipo de Marcos Montes finaliza a primeira volta na oitava praza, a seis puntos da promoción de ascenso, logo de estar o primeiro cuarto de campaña en descenso. Volverán á competición ante o Areas, o 7 de xaneiro. O rival chegará a Santa Mariña tres puntos por riba dos postos de descenso.
Choco: Cortegoso; Javi González, Lucas, Yago, Gándara; Alberto Suárez, Gabi Misa (Pablo Couñago, min.64); Marquitos (Vilas, min.74), Comis, Óscar “Chiqui”; y Ricar (Félix, min.64).
Compostela: Lucas, Saro, Álvaro Casas, David Uña, Naveira; Mon, Tomás; Álex Ares (Alberto, min.85), Santi (Rubén, min.69), Róber; y Óscar Conde “Primo” (José Sobrido, min.89).
Goles: 0-1, Tomás, min.48; 0-2: Primo, min.73; 1-2: Pablo Couñago, min.89.
Segunda Autonómica

Choco B 2-2 Tomiño
O Choco B saíu enchufado ao partido, consciente do que se xogaba, ante un rival directo polo ascenso como o Tomiño. Os locais puxéronse dous a cero nos primeiros vinte minutos, sendo moi superiores. Os tomiñeses reaccionaron e lograron reducir distancias antes do descanso. A segunda metade non tivo un dominador claro, pero o Tomiño tentouno con balóns longos e terminou empatando nos últimos minutos, no medio da polémica e con moitas amonestacións. Con este empate, ambos os equipos mantéñense en zona de promoción de ascenso. O filial, no 3º posto, regresará a competición para recibir ao San Miguel, situado no pozo da táboa.
Arcade 0-0 Unión San Paio
Táboas logo dun importante derbi na cabeza da táboa. Reparto de puntos sen goles nun encontor moi disputado que deixa ao Arcade 2º na táboa. En xaneiro regresarán á competición con outro importante encontro. Reciben ao Moraña, 3º, cos dous equipos empatados a puntos.
Terceira Autonómica

Peña Beretes 2-4 At. Vilar
O Vilar fíxose co derbi local sen demasiados problemas ante un Beretes que, malia que o intentou, foi inferior. A vitoria permítelle ao Vilar seguir como 3º, mentres os anfitrións seguen no pozo da táboa. Na próxima xornada o Atl. Vilar volverá protagonizar outro derbi local, co encontro Chapela-Vilar, nesta ocasión cos rivais máis igualados. Os de Chapela están na 4ª posición do grupo, tan só 2 puntos por baixo.
Chapela 2-1 Lavadores
O Chapela sorprendeu aos vigueses, e escala posicións na táboa. O 7 de xaneiro reciben ao Atl. Vilar.
Cesantes 5-1 San Andrés
Os de Cesantes foron moi superiores ao San Andrés, e protagonizaron a goleada da xornada.Agora son 4º, e logo do descanso de Nadal xogarán no campo do Bueu, un dos fortes do grupo, 2º na táboa.
Salcedo B 2-5 Soutomaior
Os de Soutomaior golearon ao Salcedo B, o pechacancelas do grupo. Os de Soutomaior son agora 6º, e á volta do Nadal recibirán ao Cobres, 7º cun punto menos.
Fútbol Sala Terceira División
Rececende 6-2 Campito
O Rececende foi moi superior aos de Chapela, que se sitúan na 11ª praza da táboa logo de perder por goleada. Á volta das vacacións de Nadal os de Chapela reciben ao Santiago B, en postos de descenso.
Outeiro de Rei 4-5 Pazos
Axustada vitoria dos de Fran Amoedo, que supera así na clasificación aos anfitrións e son xa 7º cunha xornada menos disputada. En xaneiro volven á competición e reciben a un duro rival, o Ribeira, 4º clasificado.
 
Autonómica Sur

Mariñamansa 2-5 Arealonga
Os de Chapela sumaron a súa segunda vitoria da temporada ante putro dos equipos en postos de descenso. Con todo, o Arealonga segue como pechacancelas. Regresarán á competición o 6 de xaneiro para recibir a Os do Val, da metade baixa da táboa.
Redondela F.S. 2-6 Bembrive
Os de Javier Merino perderon ante o Bembrive, que foi superior no encontro disputado en Redondela e deixa aos locais na 16ª praza, en postos de descenso. Regresarán á comeptición en xaneiro ante un difícil rival, o Cereixa, 6º do grupo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará