Hoxe é Sábado 20 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Vinte desempregados de Soutomaior formaranse como hostaleiros

RR_Noticias

O proxecto que leva por nome “Hostalaría Verdugo” formará a 20 veciños do municipio á vez que promocionará os bos hábitos alimenticios entre a poboación. O proxecto, que terá unha duración de seis meses, supón un novo taller de emprego concedido pola Xunta de Galicia ao concello de Soutomaior. O taller está dirixido a maiores de 25 anos e para poder solicitalo é preciso estar inscrito como demandante de emprego na oficina de emprego de Redondela.

O proxecto ten varias finalidades sendo a máis importante formar a 20 veciños que poderán recibir unha formación con certificación de profesionalidade que lles permita acceder ao mercado de traballo. O taller terá o seu impacto no resto da poboación grazas a todas as actividades que o acompañan, como o comedor social ou a campaña de promoción dos bos hábitos alimenticios entre os escolares.
O taller está dirixido a persoas maiores de 25 anos que carecen dunha profesión, permitíndolles obter o certificado de profesionalidade que favoreza a súa empregabilidade, e tamén como oportunidade de reciclaxe para aqueles que despois de moito tempo traballando atópanse nestes momentos desempregados pola situación actual.
Contará con dúas especialidades, Operacións básicas de cociña e Servizos de Restaurante e Bar. O persoal a cargo do curso estará formado por un director, un titor e persoal administrativo de apoio. Para solicitar a inscrición neste curso é necesario estar dado de alta como demandante de emprego na Oficina de Emprego de Redondela.
Unha das particularidades deste taller de emprego é a súa función social dentro do municipio a través de diversas actividades. En primeiro lugar está a súa función como comedor social, que en coordinación con Caritas, permitirá cubrir as necesidades básicas de alimentación dos habitantes do concello afectados pola situación económica actual.
Por outra banda está a súa función de promoción dunha dieta equilibrada entre distintos colectivos da poboación mediante a realización de xantares saudables que os alumnos do taller prepararán e servirán. En concreto están programadas xornadas cos escolares dos distintos centros do municipio ademais de actividades con grupos da 3ª idade.
Outro dos obxectivos deste ciclo é a posta en valor da riqueza gastronómica local. Durante diversas xornadas temáticas centradas nos festexos tradicionais como xamaín, nadal ou entroido, os alumnos fomentarán o uso de produtos de tempada de orixe local incluíndoos en sobremesas e receitas propias destas datas e dándoos a probar aos visitantes. Do mesmo xeito organizaranse xornada destinadas a promocionar produtos locais como o viño albariño de Soutomaior e a ostra de Arcade.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará