Hoxe é Xoves 25 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

AER demanda melloras complementarias na senda do Maceiras para evitar deficiencias

RR_Noticias

A Agrupación de Electores solicita que se planten especies autóctonas de ribeira, a protección dos tubos de desaugadoiro e a utilización de pedra país nos pontillóns. Tamén demandan a conexión desta senda coa estrada N-555 a través doutros carreiros tradicionais que existen na contorna.

O grupo municipal de AER solicitara xa o pasado mes de setembro información do proxecto e das obras que se ían realizar na contorna do Maceiras, para coñecer as actuacións concretas e poder avaliar o seu impacto e idoneidade. Pero o goberno local non tivo en conta esta demanda. Informados polos veciños da zona de que as obras están xa avanzadas, membros de AER visitaron a a contorna do Maceiras para comprobar o estado dos traballos. Ante as deficiencias detectadas, demandan ao Concello que tomen medidas para solventalas. Por unha banda denuncian que hai zonas por fóra dos bordos da senda con restos de pedras das obras, que deberían ser retiradas. Tamén observaron moitos tramos da beira do río sen arborado, polo que propoñen realizar unha plantación complementaria con especies arbóreas de ribeira, ameneiros. Unha opción que suxiren é que a Concellería de Medio Ambiente celebre a finais do inverno un “Día da Árbore” como actividade didáctica e así favorecer a participación da veciñanza nunha xornada de plantación. En canto á presenza de especies alóctonas que non se eliminaron, como bambú, propoñen eliminalas, tal como vén especificado nos proxectos da construción da senda. Por outra banda advirten que os tubos de desaugadoiro para a recollida de augas atópanse sen protección algunha, polo que existe o risco de que as terras entullen as canalizacións. Propoñen que se empreguen cachotes de pedra do país para acondicionar as entradas dos tubos. Apuntan tamén que os pontillóns foron realizados en pedra granito gris, cando ao seu parecer deberían terse realizado en pedra país. Outra das demandas de AER é que se conecte a sendo do Maceiras coa estrada N-555 a través de diversos carreiros tradicionais a diferentes alturas (Tau Cerámica, Rabadeira,…). Solicitan que se realicen actuacións de acondicionamento destes tramos para facilitar en diversos puntos da senda a conexión coas zonas habitadas en torno á estrada nacional.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará