Hoxe é Xoves 25 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Teatro e música para o público infantil na programación de Nadal

RR_Noticias

O Servizo de Normalización Lingüística promove novas actividades lúdicas e formativas de dinamización lingüística para decembro e xaneiro. O teatro coa compañía Xarope Talú e a música de Paco Nogueiras ofrecerán aos máis pequenos espectáculos orientados á súa idade o martes 22 de decembro e o domingo 3 de xaneiro.

A miña primeira viaxe, da compañía Xarope Talú, é o título do espectáculo teatral dirixido a nenos de entre 3 e 12 anos que se poderá ver o vindeiro martes, 22 de decembro, no Auditorio da Xunqueira. Este espectáculo é unha adaptación do libro-álbum do mesmo título escrito por Paloma Sánchez Ibarzábal e publicado por OQO editora en febreiro de 2012.  Esta peza teatral narra a historia do comezo da vida humana, cun bebé que viaxa dentro dunha cápsula por un universo descoñecido sen saber que é nin a onde vai. Unha historia de transformación e de busca da propia identidade. A función comeza ás 18:00 h no Auditorio da Xunqueira e ten aforamento limitado. As entradas pódense adquirir dende o día anterior á función cun prezo de 2 € para público infantil, e 4 € para adultos.
Xa nos mes de xaneiro, o domingo día 3 será o momento de gozar de música infantil en galego da man de Paco Nogueiras, que presenta o seu traballo Brinca Vai, 12 cancións para os 12 meses do ano, todas elas compostas e interpretadas por Paco Nogueiras nun amplo abano de estilos musicais: techno, rock, folc, reggae ou música electrónica.
O espectáculo mostra o contido musical o libro-disco publicado por Kalandraka do mesmo nome, con ilustracións de David Pintor.
A función será ás 18:00 h no Auditorio da Xunqueira, con entrada única a 3 €.
O servizos de Normalización completa esta oferta cunha proposta orientada exclusivamente ao persoal das escolas infantís coa intención de facilitarlles recursos e materiais de aula para desenvolver o seu traballo diario en lingua galega. Neste obradoiro desenvolveranse diferentes actividades de sensibilización (audiovisuais, debates e outras dinámicas para a reflexión) e presentaranse diversos materiais educativos para o alumnado de ensino infantil.
O obradoiro desenvolverase na Casa de Cultura de Redondela, os xoves 14 e 21 de xaneiro, en horario de 16:30 a 20:30 h.
A actividade é de balde e con prazas limitadas, polo que cómpre inscribirse a través do correo electrónico normalizacion@redondela.es ou no teléfono 986 400 106.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará