Hoxe é Sábado 7 de Decembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A oposición forza ao alcalde a reducir o seu salario nun 20% e cobrará 45.000 euros

RR_Noticias

A abstención de AER permite ao PP aprobar a súa proposta que establece un salario bruto anual de 45.000 euros. Haberá catro concelleiros liberados que cobrarán 23.000 euros e outros catro con dedicación parcial que percibirán 18.000 euros. O goberno rebaixou notablemente as súas pretensións iniciais que pasaban por manter o salario do rexedor local nos 55.000 euros e que os edís con maiores responsabilidades cobrasen 25.000. Malia todo, tanto PSOE como Redondela Pode e BNG votaron en contra da proposta por entender que a rebaixa debía ser maior.

Nin 48 horas tardou o goberno local en convocar unha nova sesión plenaria extraordinaria para tentar aprobar o réxime retributivo dos membros da corporación municipal. Logo de que a proposta presentada polos populares o pasado martes non contase cos votos suficientes para sair adiante e tras escoitar as presentadas polo resto dos grupos, o PP viuse obrigado a rebaixar as súas pretensións. Os 55.000 euros que defendía o grupo de goberno quedaban moi afastadas das cifras manexadas pola oposición motivo polo que hoxe presentaron un réxime retributivo con cifras máis axustadas: 45.000 euros o alcalde, 23.000 os concelleiros liberados e 18.000 o resto dos edís do grupo de goberno. A retribución ao resto dos concelleiros establécese en 5.184 euros e os voceiros dos grupos da oposición recibirán, como no anterior mandato, 8.100 euros. A popular Carmen Amoedo defendeu as cifras manexadas polo seu grupo lembrando que “tanto PSOE como BNG apoiaron hai catro anos un salario moito maior e por coherencia deberían volver dar o seu voto a favor, tendo en contra que ademais Redondela é o cuarto concello da provincia e un dos que presenta as súas contas máis saneadas”. Recriminou tamén que o bipartito “cando gobernaba manexaba salarios moito maiores”. Uns argumentos que non convenceron aos grupos da oposición. Dende Redondela Pode a súa representante Raquel Quintáns cualificou de “excesivas” as retribucións defendidas e reiterou que o seu grupo establece que o alcalde non cobre máis de tres veces o salario mínimo interprofesional “o cal daría unha cifra de 27.240 euros anuais”. O nacionalista Xoan Carlos González amosou a súa disconformidade cunha proposta que “asfixia ás forzas pequenas reducindo as súas asignacións” e acusou ao PP de desenvolver en Redondela “a política propia do seu partido que só busca fomentar o bipartidismo”. Defendía ademais que so 3 dos concelleiros de goberno estiveran liberados. Os socialistas tamén se posicionaron en contra dunha proposta que cualificaron de “lamentable” e animaron a Javier Bas “a que se rebaixe o salario a 40.000 euros, que faga un xesto que sería valorado polos veciños achegándose aos salarios de alcaldes como os de Madrid, Barcelona ou A Coruña”. Finalmente o posiconamento de AER, grupo que optou pola abstención no salario do alcalde e apoiou as retribucións do resto dos edís, permitiu ao PP sacar adiante o punto. O voceiro da Agrupación de Electores Ricardo Figueroa, explicou que malia non estar de acordo co salario que ía percibir o alcalde si valoraban positivamente a proposta no seu conxunto “que permitirá reducir notablemente os gastos da corporación”.  

Raquel Quintáns Redondela Pode
Uns salarios excesivos ao entender de Redondela Pode
Xoan Carlos González BNG
Unhas retribucións que asfixian aos grupos minoritarios
Eduardo Reguera PSOE
Insta ao alcalde a rebaixar o seu soldo
Ricardo Figueroa AER
AER amosou a súa conformidade co aspecto global recollido na proposta
Carmen Amoedo PP
A voceira dos populares instou a PSOE e BNg a votar a favor por "coherencia"

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará