Hoxe é Xoves 25 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Valedor do Pobo critica “demoras inxustificadas” na tramitación de axudas sociais no Concello

RR_Noticias

O Valedor do Pobo, José Julio Fernández, en resposta a unha queixa presentada por un solicitante da Risga, insta aos Servizos Sociais do Concello a axilizar este tipo de trámites “unhas solicitudes que deben considerarse prioritarias pola súa natureza, posto que pretenden atender con urxencia situacións de necesidade que afectan a persoas en situación de exclusión ou en risco de padecela”. No caso denunciado o informe demorouse cinco meses cando o prazo legalmente previsto é dun mes.

No seu escrito o Valedor subliña que a persoa afectada presentou a súa solicitude de Risga “o 17 de decembro e o ente local non remitiu o expediente á consellería ata o 12 de maio”. Unha situación que entende irregular tendo en conta que a normativa recolle que “o concello deberá emitir os informes referidos no prazo dun mes, que neste caso sobrepasouse amplamente”. Subliña ademais que “se os procedementos deste tipo non se realizan coa celeridade que requiren perden o seu sentido, posto que se trata de abordar situacións de exclusión ou risco que denotan necesidades persoais e familiares que non admiten demoras”.
Dende o PSOE critican que o goberno de Javier Bas estea incumprindo o prazo de tramitación do Risga de forma inxustificada, tal e como se recolle na carta do Valedor do Pobo e apunta que a familia denunciante “atópase nunha situación de precariedade absoluta ao estar catro persoas, dous menores de idade e dous adultos, sobrevivindo con tan só 216 euros ao mes”. Conclúen animando a todos os posibles  afectados a denunciar os feitos ante o Valedor do Pobo para que dito organismo coñeza “a seria situación de mala xestión do PP nos servizos sociais do noso concello”.
 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará