Hoxe é Xoves 7 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Os pais de alumnos rebélanse contra a primeira “reválida” da Lomce

RR_Noticias

Uns 22.000 alumnos galegos de 3º de Primaria realizarán os días 27 e 28 de maio a primeira das avaliacións externas da Lomce. A proba suscitou o rexeitamento de moitos pais, e a CEAPA, Confederación Española de ANPAS propuxo ás familias que non envíen aos seus fillos á escola eses días. En Redondela súmanse a esta proposta.

Eva Amoedo, presidenta da ANPA do CEP Santa Mariña, entende que é un exame que xera “moita tensión” nos nenos de 8 anos, e que non resulta positiva a nivel pedagóxico. Tamén na ANPA do CEIP Outeiro das Penas de Cesantes se amosan contrarios a esta reválida. A presidenta, Nuria Rodríguez, explica que é “prexudicial” para os alumnos ao eliminar a avaliación continua, e “desautoriza” aos mestres, que son “os que mellor coñecen aos nenos e as súas capacidades”. Pero non todos os pais teñen claro que a proba sexa negativa para os rapaces. Algúns pensan que é un bo xeito de avaliar “o nivel do centro”, e moitos están indecisos pola falta de información sobre esta primeira proba externa. Para aqueles que decidan non levar aos seus fillos ao centro eses días, a ANPA do CEP Santa Mariña organizou un servizo de coidadores. Será no Multiusos da Xunqueira, no horario escolar. Rocío Carrasco, membro da ANPA, explica que deste xeito facilitan a conciliación laboral das familias. Os sindicatos tamén mostraron o seu rexeitamento a esta proba. UXT mostrou a súa “inquietude” pola situación en que esta proba deixa ao profesorado, xa que supedita o seu labor docente ao resultado das probas externas. O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, quixo enviar unha “mensaxe de tranquilidade” aos pais e profesores. Esta avaliación externa serve, segundo o ministerio, para a detección precoz de dificultades na aprendizaxe. Se se dan resultados desfavorables nesta avaliación, déixase en mans do equipo docente o adoptar as medidas “ordinarias ou extraordinarias” máis adecuadas para ese alumnado.  

Eva Amoedo ANPA do CEP Santa Mariña
A asociación manifestouse en contra da proba e recomenda aos pais que non leven aos seus fillos ao centro os días 27 e 28.
Nuria Rodríguez ANPA Outeiro das Penas
Considera que a proba é nefasta a nivel pedagóxico.
Boicot á proba
Rocío Carrasco da ANPA do CEP Sta Mariña explica que organizaron un servizo de coidadores no Multiusos da Xunqueira para as familias que non leven aos seus fillos á escola.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará