Hoxe é Domingo 13 de Xuño de 2021

O Choco suma e segue

RR_Noticias

O equipo de Jacobo Montes fíxose coa vitoria en Santa Mariña diante do Alondras. Os primeiros minutos de xogo, de total dominio local, foron fundamentais para lograr un traballado triunfo. O recentemente incorporado Pablo Couñago abriu o marcado, ao que se sumaron goles de Albert e Manu Lojo. Os resultados dos equipos locais tamén foron positivos na Segunda e Terceira Autonómica.

Terceira División
Choco 3-2 Alondras
Empezou o Choco dominando o encontro e aos dez minutos Pablo Couñago adiantou aos locais, e tan só catro minutos despois Albert aumentaba a diferenza lanzando unha falta que chocou na barreira antes de entrar. Coa entrada no terreo de xogo de Carlos Campo por parte do Alondras, o equipo cangués empezou a tomar as rendas do partido, e sería o propio Carlos quen marcaría o primeiro dos goles dos visitantes, transformando unha falta. Durante a segunda parte o Alondras saíu ao campo para levar o partido pero o Choco, moi ben colocado, soubo manter a vantaxe e aproveitar os erros do equipo visitante para levar os tres puntos. A cinco minutos do final Manu Lojo marcaba o terceiro gol dos locais. Despois de practicamente sentenciar o partido, o Choco impediu que o Alondras chegase á área contraria. Sería Joni quen marcaría o segundo gol visitante, xa no minuto 88, o que recortaba distancias, pero xa non quedaba tempo para máis, e o 3-2 sería o marcador definitivo. Desta maneira o Choco logrou unha nova vitoria, a sexta nas últimas oito xornadas. Os redondeláns mantéñense na sexta praza, empatado co Pontevedra e a un punto do cuarto. Na próxima xornada xógase o R.Bouzas-Choco, co equipo vigués situado na metade baixa da táboa.
Segunda Autonómica

Choco B 1-1 Chaín
O filial do Choco conseguiu sumar un importante punto diante do líder, o Chaín, e mantén a 10º posto na táboa. A próxima xornada xogan no campo do At.Matamá, cos vigueses situados na metade baixa da táboa.
Marín B 0-4 Soutomaior
O Soutomaior goleou a domicilio no campo do pechacancelas, o Marín B, que só suma un punto nas dez xornadas de liga. Os de Soutomaior son 12º, na próxima xornada Soutomaior-Noalla.
Beluso 1-2 Arcade
O Arcade acadou unha importante vitoria a domicilio diante dun dos equipos máis fortes do grupo. A próxima fin de semana ao Vilanova, da metade baixa da táboa.
Terceira Autonómica

Cesantes 2-3 Poio
O Cesantes non puido cun dos equipos fortes do seu grupo, o Poio, pero protagonizou un encontro con moitas ocasións. Con todo, a derrota déixaos na parte baixa da clasificación, e o domingo xogarán no campo do Cerponzóns, conxunto necesitado tamén de puntos.

Balaídos 0-3 Chapela
O Chapela está a consolidarse como un dos equipos máis fortes do grupo, xa son 3º na táboa, empatados co 2º o Alcabre, e a tan só un punto do líder, o Miño. A contudnente vitoria no campo do Balaídos manteno na loita polo ascenso. A próxima fin de semana reciben ao Vincios, o seu inmediato perseguidor.
At.Vilar 2-2 Mosende
Reparto de puntos nun encontro moi igualado, que deixa ao Vilar no ecuador da clasificación. O próximo domingo xoga no campo do Alcabre, 2º do grupo.
Tebra 3-2 Nespereira
O duelo entre dous dos equipos máis fortes do grupo saldouse a favor dos locais, co que os de Pazos baixan ata a 4ª praza do grupo. O domingo xogan diante do Barciademera, da metade baixa da táboa.

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
LinkedIn
Share on pinterest
Pinterest
Share on whatsapp
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *