Hoxe é Sábado 7 de Decembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

AER solicita que se convoque mensualmente a Comisión de Seguimento de Servizos Privatizados

RR_Noticias

A Agrupación de Electores denuncia que se están a dar casos de incumprimentos nos contratos coas empresas concesionarias, polo que esixen que convoque esta comisión mensualmente mentres continúen as irregularidades. Tamén solicitan a comparecencia do alcalde, Javier Bas, para explicar a postura do Concello no xuízo contra a cementeira situada en Vilar de Infesta.

O pleno ordinario do mes de xaneiro está convocado para mañá xoves, día 31 de xaneiro, ás 20.00 horas no Concello, unha sesión na que AER presenta varias mocións e comparecencias. A primeira delas é a do alcalde con motivo do aprazamento do xuízo contra o dono da cementeira de Vilar, previsto para o pasado 23 de xaneiro, e que por segunda vez se apraza pola imposibilidade de que un dos citados a declarar se presentase por residir actualmente en Brasil. O edil Jorge Varela “Chopi”, denuncia que se trata dunha “burla” que está a pospoñer o xuízo contra unha empresa que non cumpre coa normativa, carece de licencia e que reiteradamente rompeu os precintos instalados pola Policía Local para impedir a súa actividade. No pleno de mañá demandan que o rexedor, Javier Bas, explique a postura do Concello como parte demandante neste proceso. A Agrupación de Electores de Redondela tamén presenta unha moción na que solicita que se convoque mensualmente a Comisión de Seguimento de Servizos Privatizados. Neste caso denuncian que hai xa sete meses que non se celebra unha xuntanza, cando existen empresas concesionarias “que non están a cumprir co establecido nos pregos de condicións”. Apuntan o caso de Urbaser, encargada da recollida do lixo, que incumpre a obrigatoriedade de instalar un Punto Limpo en Redondela. Por outra banda demandan que Urbaser xustifique as toneladas de lixo recollido no municipio e polas que cobra, xa que as cantidades non se modificaron nos últimos anos. Outro caso que tamén queren analizar na comisión é o de Serviocio, que xestiona a Piscina Municipal de Redondela, xa que houbo varias queixas de usuarios polos prezos dalgúns cursos e por avarías nas duchas. A ampliación da AP-9 ao seu paso por Chapela é outra das cuestións que AER leva ó pleno de mañá. Na moción solicitan que se inicie o expediente para a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) dos restos da Fortaleza de Rande, así como o “Cargadeiro do Alemán”, o xacemento arqueolóxico dos Pecios da Batalla e do Contorno de Rande. Entende que a ampliación da autoestrada é unha “barbarie” que suporía un dano “irreversible” ao patrimonio histórico de Rande.  

Jorge Varela AER
Na comparecencia do alcalde piden que explique a postura do Concello no xuizo contra a cementeira de Vilar.
Comisión de Servizos Privatizados
AER solicita reunións mensuais mentres non se arranxen as irregularidades das empresas concesionarias.
Ampliación AP-9
AER rexeita a ampliación e solicita que a zona da fortaleza de Rande sexa declarada BIC.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará