Desde mañá xoves e ata o domingo a parroquia festexa as súas festas na honra de San Fausto. Pasacalles, verbenas e actividades infantís mistúranse durante catro días coas celebracións relixiosas.
As actividades comezarán mañá xoves ás 9.00 horas coa tirada de bombas de palenque. Pola noite, ás 21.30 horas, comezará a verbena que estará amenizada polas orquestras Garibaldi e Salsa Rosa. Novamente o ruído das bombas de palenque espertará aos veciños o venres, xornada na que haberá pasacalles acompañados dos Terribles de Porriño. Ás 12.30 horas, misa solemne e posterior procesión. Pola noite, gran verbena musical a partir das 21.30 horas, coas actuacións das orquestras Marbella e Panamá. O sábado ás 10.00 horas terá lugar a saída dos pasacalles pola avenida de Vigo, acompañados da Banda de Música Xuvenil de Chapela e ás 12.30 horas, misa solemne con procesión na honra de San Fausto. Ás 19.00 horas, actuación do grupo folclórico Anaquiños de Chapela e ás 21.30 horas, verbena coa presenza das orquestras Foliada e Alarma Band. O último día de festa será o domingo, que estará especialmente dedicado aos máis pequenos da casa, que poderán gozar dunha sesión infantil coa actuación do pallaso Peter, que se encargará de animar a xornada poñendo o broche final ás festas.