Hoxe é Venres 26 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela agarda máis de 350 ciclistas na marcha popular “Únete á Volta”

RR_Noticias

Os afeccionados ó deporte das dúas rodas teñen unha cita este sábado en Redondela. Como antesala da Volta Ciclista a España, que repite paso pola vila, o Concello e a Deputación organizan unha marcha de seis quilómetros aberta a todo o público. A saída será ás 10.00 horas desde a Alameda, ata a praia de Cesantes. Ao remate da proba haberá un sorteo de material deportivo e bicicletas.

A tradicional marcha que antes se coñecía como “Festa da Bicicleta” quere agora servir tamén de promoción á Volta a España, que este ano percorrerá 30 municipios da provincia. Chegará a Pontevedra o 26 de agosto, e por Redondela pasará o día 28 dese mes. Con este motivo a Deputación de Pontevedra deu este ano en chamar á cita “Únete á Volta”, tal e como o explicou na presentación a deputada provincial Marta Iglesias. O tenente de alcalde, Miguel Ángel Álvarez, salientou a importancia deste tipo de actos, que teñen por obxectivo “fomentar o deporte e os hábitos saudables entre a poboación”. Jesús Crespo, concelleiro de Deportes, lembrou que non haberá escusa para os que queiran participar, xa que o Concello porá a disposición do público unhas 50 bicicletas para os que non dispoñan dela. A inscrición é de balde, poden participar todos os maiores de 8 anos e o único requisito é “o uso obrigatorio de casco”. Para os máis pequenos a organización instalará un circuíto no aparcadoiro da Alameda, onde organizarán actividades lúdicas para eles. Ao remate da marcha celebrarase un sorteo de agasallos entre os participantes, con bicicletas e material deportivo. O concelleiro Alberto Pazos animou a todos os veciños a participar no evento, no que será unha “xornada festiva” en Redondela, na que os asistentes terán a oportunidade de ver ós políticos “suar a camiseta”. A organización agarda repetir a cifra de asistentes do ano pasado, cando a Festa da Bicicleta reuniu a máis de 350 persoas. Préstamo de bicicletas Ademais de prestar bicicletas para a marcha “Únete á Volta”, o Concello ofrece tamén estes vehículos no albergue de peregrinos da Casa da Torre. Tamén está previsto ofrecer bicis en préstamo na Oficina de Turismo, na Alameda, para o que se instará en breve unha base onde poder colocalas. O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Ángel Álvarez, explicou que están a traballar tamén nun novo sistema para ofrecer este servizo a todos os veciños. Explicou que o sistema de SMS que se utilizaba anteriormente “daba problemas”, polo que estudan outro alternativo que sexa máis viable e económico para o Concello.    

Marta Iglesias deputada provincial
A marcha ciclista quere promocionar a Volta a España e fomentar hábitos saudables.
Jesús Crespo concelleiro de Deportes
Haberá bicis a disposición dos veciños para facer o percorrido que será de 6 quilómetros.
Alberto Pazos deputado
O concelleiro redondelán anima a todos os veciños a participar.
Préstamo de bicicletas
O concelleiro de Medio Ambiente explica que estudan un novo sistema máis económico e eficaz para ofrecer este servizo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará