A ONG Da Man organiza esta noite unha festa solidaria na sala Diva. O obxectivo é recadar fondos para a construción dunha escola en Senegal. Actuarán grupos locais e haberá unha exposición de fotografías sobre o traballo que os voluntarios desta organización fan en África. A cita é ás 22.00 e a entrada custa 2 euros.
A sala Diva acolle esta noite unha festa benéfica organizada pola ONG Da Man para a construción dunha escola en Senegal. Esta organización redondelá leva anos traballando en proxectos sanitarios e de cooperación para o desenvolvemento en África. A súa próxima expedición a Senegal partirá o 1 de outubro, e antes de partir agardan poder recabar suficientes fondos para poñer en marcha non só a escola, senón tamén unha granxa e unha horta onde a poboación local aprenda técnicas para mellorar os seus limitados medios de vida. Pilar Martínez, presidenta da organización, explica que todos os fondos que recollen se destinan “ó 100% para os proxectos no terreo”. Desde Da Man insisten en que en tempos de crise “son os países máis pobres os que máis sofren”, polo que fan un chamamento á solidariedade, xa que “toda a axuda é ben recibida”. Os que queiran colaborar con esta causa e ademais pasar unha noite con boa música e entretemento teñen unha cita en Diva. Será ás 22.00 coas actuacións de Cover Band, TOK e Caramuxo Vermello. Tamén estará o mago Eloy Crespo e a ONG fará unha exposición de fotografías cos traballos que desenvolven no terreo os voluntarios. Sortearanse premios como unha cea no restaurante Tio Polivio e unha noite na Casa Rural Casa Catalina. A entrada custa 2€.