Hoxe é Martes 12 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Apelídaste como papá ou como mamá?

RR_Noticias

Hoxe en día pódese elixir que un fillo leve primeiro o apelido do pai ou da nai, indistintamente, sempre que haxa acordo na parella. Ata o de agora, de non haber consenso, primaba o apelido paterno. Isto cambiou, xa que o Congreso aprobou este mes que, se os pais non se poñen de acordo, será o funcionario do Rexistro Civil o que decida a orde. Unha decisión que non convence ós veciños de Redondela, que en xeral apostan porque sexa o apelidos máis “singular” o que predomine.

  A Comisión de Xustiza do Congreso dos Deputados alcanzou este mes un acordo que determina que a orde dos apelidos dos fillos os decidirá o funcionario do Rexistro Civil se en tres días os pais non son capaces de chegar a un acordo. Finalmente non será a orde alfabética como propuxera en principio o Goberno, nin ao azar, como suxeriran outros grupos parlamentarios. Unha decisión que non é do agrado dos veciños de Redondela cos que falamos. En xeral entenden que debe ser a parella a que chegue a un acordo, e non deixalo en mans do traballador público. Por outra banda, en caso de que os proxenitores non cheguen a un entendemento, a maioría dos veciños cos que conversamos entenden que sería mellor primar “o apelido menos común”. É a opinión de Alberto e Marta, que sinalan que deste xeito “non se perderían os apelidos que son menos frecuentes” Coñecemos o caso de Bea Cobián, que precisamente cambiou a orde dos apelidos do seu fillo Hugo “para que non se perdera o apelido da familia”. Ela non tivo problemas, xa que o acordo co seu home foi total. Trátase dun apelido merecedor de ser conservado, xa que só hai 256 persoas que se apeliden Cobián en Galicia, 74 delas en Redondela. Pero tamén hai quen defende que os fillos leven primeiro o apelido da nai. É o caso de Mónica, que o xustifica “pola implicación que supón a maternidade”, e de non ser así, apoia que se manteña “o apelido máis singular”. A primacía por lei do apelido materno é defendida tamén por Fita e Marina, ás que lle gustaría que se impuxese, do mesmo xeito que noutros países, como a veciña Portugal. Marina xustifica esta opinión polo incremento das separacións e divorcios, xa que “na maioría dos casos os fillos quedan coa nai, sería mellor que levasen o apelido materno”. Desde o Instituto Galego da Lingua defenden que, en caso de dúbida, exista unha “discriminación positiva” para o apelido menos frecuente. Ana Boullón, profesora de filoloxía, explica que sería o criterio máis beneficioso “para evitar a extinción” de moitos nomes autóctonos como Diaño, do que só queda unha persoa que o conserve en primeiro lugar. En Galicia só quedan tres Malfeito ou sete Esquerdeiro. Son moitos os apelidos que contan con menos de 50 rexistros. É o caso de Queimaliños. Só hai 47 e concéntranse na nosa bisbarra, con 34 en Redondela, 10 en Vigo, e 1 en Mos, Soutomaior e Salceda. A páxina web deste Instituto, dependente da Universidade de Santiago, ofrece información sobre o número de persoas que levan un determinado apelido, distribuído por Concellos. Hai xa anos que se pode elixir que os fillos leve primeiro o apelido do pai ou da nai, indistintamente, sempre que haxa acordo entre os proxenitores. Pero na práctica o número de parellas que o fai segue sendo baixo, pouco máis do 1.5% opta por poñer primeiro o apelido materno.  

Alberto
Este veciño entende que debe ser a parella a que chegue a un acordo e non deixarlle a decisión ó funcionario.
Bea Cobián
O seu fillo leva primeiro o apelido paterno. No seu caso o acordo coa súa parella non supuxo ningún conflito.
Marina
Defende a primacía do apelido materno sobre todo polo incremento das separacións de parella.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará