Hoxe é Mércores 25 de Novembro de 2020

Cultura pon en marcha unha campaña de promoción e revitalización dos Maios

RR_Noticias

Baixo o título “repensando os Maios 2011” a Concellería de Cultura ven de poñer en marcha un programa co obxectivo de dinamizar a celebración onde se inclúen, entre outras actividades, uns obradoiros nos que se ensinará aos participantes a composición e interpretación de coplas así como as técnicas construtivas dun maio.

Unha medida que chega logo de que nos últimos anos se constatase un importante descenso no número de participantes, que pasou dos medio cento contabilizados nas épocas de maior auxe a tan só doce na última edición. O propio concelleiro Eduardo Reguera lembraba que a os Maios de Redondela son unha das celebracións deste tipo máis salientables de toda Galicia na que dende antigo participaban ducias de rapaces, adolescentes e maiores motivo polo que é obrigado traballar no camiño de devolverlle a repercusión de tempos pasados. Con este obxectivo ponse en marcha o programa “Repensando os Maios 2011” da man da Cooperativa Trespés cunha serie de mecanismos deseñados para promover a participación cidadá, crear redes sociais, documentar a festividade e fortalecer os vencellos identitarios co territorio coa formación de Grupos de Traballo con persoas vencelladas á celebración. Organízanse ademais dous obradoiros de tres sesións destinados a mozos e mozas a partir de 12 anos que se celebrarán no Multiusos da Xunqueira os días 1, 8 e 15 de Abril en horario de 18:00 a 20:00 horas e no Centro Cultural de Cesantes os días 2, 9 e 16 de Abril no mesmo horario. Os contidos dos obradoiros ofrecerán a posibilidade aos asistentes de coñecer a orixe e significado da festividade no pasado e na actualidade, a composición de coplas e a súa interpretación e aproximarse ás técnicas de construción dun Maio. Aquelas persoas interesadas en participar pódense inscribir no Multiusos e no Centro Cultural de Cesantes nos seus horarios de apertura ata o día 1 de Abril. Tamén se creará unha sección no Arquivo Municipal específica onde conservar toda a documentación xerada pola celebración dos Maios e se incrementará a promoción da festa.

Eduardo Reguera edil de Cultura
A actuación responde a un descenso constatado no número de participantes
Paulo Jablonski Cooperativa Trespés
O programa Repensando os Maios inclúe a celebración de obradoiros en Cesantes e Redondela

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
LinkedIn
Share on pinterest
Pinterest
Share on whatsapp
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *