Hoxe é Xoves 28 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Choco faise forte tamén na casa

RR_Noticias

Santi Araújo, Calo e Stefan foron os autores dos goles que deron o triunfo ó Choco sobre o Verín por 3-0. Un resultado que deixa ós redondeláns máis preto de garantir a permanencia. O obxectivo de Julio Álvarez  é poder afrontar a recta final da liga con tranquilidade para rematar “o mellor posible”.

Preferente Autonómica
Choco 3-0 Verín
Os de Julio Álvarez escalaron un posto na táboa, xa son 9º logo da vitoria sobre o Verín, co que o obxectivo da permanencia está xa máis preto. Adiantouse cedo o Choco cun gol no minuto 8. Foi nunha falta que sacou Manu Lojo desde a banda esquerda que fixo posible que Santi Araújo, no segundo pau, rematase de cabeza poñendo o 1-0 no marcador. Xa na segunda metade o Choco fixo un xogo intratable e no minuto 80 chegou o 2-0, ao recuperar Michu un balón na banda dereita, centrou ó punto de penalti e Calo rematou. Cinco minutos despois Stefan rematou o encontro co 3-0 que sería xa definitivo. O resultado permítelle ós redondeláns disputar a recta final desta liga nunha cómoda situación de tranquilidade. Na próxima xornada desprázase ó campo do Ribadumia, un dos equipos da parte baixa da táboa.
Primeira Autonómica
Gondomar 4-0 Chapela
Mal partido dos de Luis Ferreira en Gondomar, que seguen na posición 14ª, con posibilidades de do descenso. Os locais fixeron un gran partido, deixando sen opcións ó Chapela, que terá que tentar sumar puntos o próximo domingo, diante do San Adrián, que se sitúa nos postos que garanten a salvación, son 11º.
Castrelos 0-5 Arcade
O equipo de Soutomaior conseguiu recortar distancias cos seus rivais directos ó impoñerse por goleada ó Castrelos, afundido na penúltima praza. Os de Jacobo Montes estiveron moi ordenados. Miki, Sergio, Borja e Berto, este último con dous tantos, foron os goleadores. O próximo domingo o Arcade recibe na casa ó Gondomar, o equipo que ven de golear ó Chapela.
Terceira Autonómica
Bueu 4-1 Cesantes
Os redondeláns mantéñense na 6ª praza pese á derrota, e o próximo domingo recibirán a un dos equipos da parte alta, o filial do Cruceiro, 3º do grupo.
Soutomaior 3-3 Moaña B
Reparto de puntos en Soutomaior nun partido con moitos goles. O resultado permite ós locais escalar unha posición na táboa, e xa son 7º. Na próxima xornada protagonizarán no campo do Arcade B un interesante derbi entre os dous equipos do municipio que militan nesta categoría.
Salcedo 5-0 Arcade B
Avultada derrota a que recibiu o filial do Arcade (10º). Tentarán resarcirse o domingo, nun encontro de máxima motivación no seu campo, onde recibirán ó Soutomaior, que suma cinco puntos máis ca eles esta temporada.
Santa Mariña 0-2 Choco
Os redondeláns demostraron a súa superioridade sobre o Santa Mariña, e logo da vitoria mantéñense no 4º posto da táboa, empatados co 3º, o Casablanca. A próxima cita será en Redondela co Teis, un dos equipos da parte baixa da táboa.
Vincios 1-1 Vilar
Partido entre dous equipos da parte baixa da táboa que se saldou con reparto de puntos. Non é suficiente para que o Vilar escape da parte baixa da táboa, pero mellora algo a súa situación, son 13º. Na próxima xornada reciben ó pechacancelas, o Mosende.
Oliviera 1-1 Nespereira
O Nespereira non conseguiu pasar do empate no campo do pechacancelas, o Oliveira. O resultado deixa ós de Pazos na mesma praza, a 9ª. O domingo mediranse a un dos seus rivais directos, recibirán ó Vilasobro, 8º do grupo e co que están empatados a puntos
Fútbol Sala-Autonómica Sur
Opel Fimauto-Redondela
Os de Manoliño non son quen de superar a mala racha de resultados que atravesan e continúan afundidos na clasificación. Seguen na penúltima praza da clasificación logo da derrota sufrida o sábado no pavillón municipal do Porriño. Aínda quedan opcións de salvarse, pero cada xornada que pasa o final de liga faise máis costa arriba. E o calendario prevese moi complicado, con citas difíciles como que teñen pendente co líder, o Pazos. Pero antes, a máis inmediata será este sábado en Redondela co Erichkrause, outro dos equipos fortes desta liga, 3º clasificado.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará