Hoxe é Xoves 18 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Por unha estrada máis segura

RR_Noticias

Os veciños maniféstanse en xeral a favor da decisión do Concello de solicitar a instalación de pasos de peóns elevados na estrada de Cesantes, sobre todo na contorna da discoteca A Fábrica e o Centro de Saúde. Con todo, moitos advirten que esta medida non será suficiente para mellorar a seguridade viaria se non vai acompañada dunha maior vixilancia policial, sobre todo polas noites e as fins de semana.

Para os milleiros de persoas que cada día se achegan á estrada de Cesantes, desde a zona dos colexios ata o Centro de Saúde, a instalación de pasos de peóns elevados é “unha boa nova”. O Concello de Redondela solicitou á Subdirección Xeral de Estradas da Xunta a construción de catro destes pasos na estrada provincial, o que suporá un reforzo para a seguridade viaria. Unha cuestión reclamada polos veciños, sobre todo despois de que se producise a finais de novembro o atropelo mortal dun mozo de 15 anos nas inmediacións da discoteca A Fábrica. O primeiro dos pasos de peóns elevados situaríase á altura do IES Illa de San Simón, zona moi transitada onde se atopan catro centros de ensino, a gardería infantil, a piscina e o pavillón municipais e un centro de formación. Con todo, os que a diario acoden a levar ós seus fillos salientan que na contorna dos colexios “non hai problemas para cruzar”, polo que os pasos elevados “non serán útiles”, xa que nos horarios de entrada e saída ós centros hai atascos, polo que os coches “circulan amodo, en caravana”. Onde si entenden que é “moi necesario” este paso elevado é nas inmediacións da discoteca A Fábrica, zona moi frecuentados por mozos, cunha gran afluencia de tráfico nas fins de semana a velocidades inadecuadas, o que supón “un verdadeiro perigo”, como nos relata Lucas. Con todo, moitos veciños como Mari e Rosa advirten que esta medida “non será suficiente” para mellorar a seguridade viaria se non vai acompañada dunha “maior vixilancia policial”, sobre todo polas noites. O terceiro paso situarase diante do Centro de Saúde, onde tamén se fai moi necesario xa que son moitas as persoas que acoden a diario, en ocasións xente maior e con dificultades de mobilidade, que precisan dunha maior seguridade. Adela, veciña de Quintela que visita o centro regularmente móstrase “moi satisfeita” coa medida, xa que será “a única maneira de que algúns condutores respecten os pasos de peóns”, ao verse obrigados a frear. O último paso construiríase á altura do Centro de Día que se está a construír na baixada cara ao peirao, xa que se está previsto que sexa unha zona moi concorrida por persoas de idade e con dificultades de mobilidade. Polo de agora o Concello aínda non recibiu resposta a súa solicitude por parte da Subdirección Xeral de Estradas. Eduardo Reguera, concelleiro de Tráfico, confía en que despois da visita dun técnico deste departamento constatando as necesidades, as obras se fagan canto antes.

Pais e nais de alumnos
Os que acoden a diario ós colexios entenden que non será útil nesa zona aínda que si na contorna da discoteca e o Centro de Saúde.
Lucas veciño
Este mozo saúda a inciativa xa que evitará accidentes na zona da discoteca.
Adela usuaria do Centro de Saúde
Eseta veciña de Quintela entende que será beneficioso para os peóns ao limitar a velocidade dos coches.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará