Hoxe é Mércores 24 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Choco aguanta o tirón e imponse ó Atios xogando con dous homes menos

RR_Noticias

Santamariña volveu festexar a vitoria do seu equipo nun partido heroico no que estiveron durante máis dunha hora xogando con dous menos. Isto supón que os de Julio Álvarez continúan a escalada para non descolgarse dos equipos de arriba.

Autonómica Preferente
Choco 3-Atios 1
Os redondeláns volveron á senda do triunfo en Santa Mariña, onde amosaron unha clara superioridade sobre o Atios. Os de Julio Álvarez aguantaron o tirón mesmo xogando con dous homes menos durante máis dunha hora, tras as expulsións de Manu Lojo e Araújo. O partido comezou do mellor xeito posible para o Choco, que xa no minuto 2 anotou o primeiro gol. Ces, nun centro de chut, levou ó balón ó fondo da portería de Miguel. Complicáronselles as cousas ós locais no minuto 25, cando o árbitro expulsou a Manu Lojo por unha entrada. Só dous minutos mais tarde, nunha xogada moi protestada polo Choco, o árbitro sinalou penalti e a segunda expulsión local, a de Araújo. Curiel puxo o 1-1 no marcador. Xa na segunda parte o Choco adiantouse no marcador cun gol de Bruno no minuto 60. Cinco minutos máis tarde outra xogada dentro da área permitiulle a Calo, cun tiro cruzado, anotar o 3-1 definitivo. Isto permítelles ós redondeláns seguir escalando postos e non descolgarse dos equipos da parte alta da táboa. Son 12º. O domingo volven xogar na casa, onde reciben ó Marín, equipo moi necesitado de puntos. Veñen de perder na casa co Sanxenxo e son 16º do grupo.
 
Primeira Autonómica
Chapela 1-Caselas 4
Os de Luis Ferreira caen á metade baixa da táboa despois de perder co Caselas por 1-4. O Chapela cae ata a 13ª posición con esta derrota. O domingo visitarán o campo dun dos equipos co que están moi igualados, o Valadares, que é 14º cun punto menos que os de Chapela.
Arcade 0-Tomiño 0
O Club Deportivo Arcade conseguiu o seu segundo empate nesta temporada a costa do Tomiño, no campo do Salgueirón. O marcador non se moveu nos 90 minutos de xogo, aínda que os locais tiveron unha clara oportunidade que se estrelou na madeira no lanzamento dunha falta de Isaac. A vitoria deixou ó Arcade na mesma posición da táboa, son 16º, a próxima xornada xogan no campo do Moaña, equipo da metade da táboa que ven de perder co Gondomar.
  
Terceira Autonómica
Coia 1-Choco 3
Os redondeláns tiñan un difícil partido no campo do Coia, un dos equipos da parte alta da táboa. Pero o Choco non se deixou intimidar e fixo un gran partido, sorprendendo ós vigueses ós que goleou no seu campo. A vitoria deixa ó Choco no posto 11º do grupo. O domingo volven xogar fóra da casa, co Alcabre, equipo que está un posto por riba dos redondeláns e cos mesmos puntos. Tamén veñen de gañar a domicilio no campo do Candeán.
Vilar 1-Gondomar 2
O Vilar caeu dous postos na táboa despois da derrota diante do Gondomar. Agora son 13º, aínda que seguen cun partido menos disputado. O domingo xogan no campo do Ribera, equipo que suma un punto máis que o Vilar.
Cesantes 0- Arcade B 1
O Arcade B fíxose cos tres puntos no derbi disputado onte en Cesantes. O de Soutomaior foron os autores do único gol que subiu ó marcador. Os redodeláns son agora 9º e o Arcade B mantense no posto 13º, despois de sumar os seus tres primeiros puntos. O próximo domingo O Cesantes xoga no campo do Salcedo, colista do grupo, mentres que o Arcade B recibe ó Praderrei, co que agora está empatado a puntos.
Caroi 2-Soutomaior 4
Un total de seis goles marcaron entre o Soutomaior e o Caroi. O Soutomaior foi o claro vencedor do partido, cunha vantaxe de dous goles sobre os locais. A vitoria supón para o Soutomaior escalar moitos postos, ata o 8º. O próxima domingo disputan un partido de rivalidade, o derbi co Sampaio, colíder do grupo.
Nespereira 3-C.Areas 1
Os de Pazos soben ata a 9ª posición da táboa logo da vitoria sobre o Areas, e deixan unha imaxe cada vez máis sólida do seu xogo. O próximo domingo xogan na casa do líder, o Alpinista.
 
Fútbol Sala
Autonómica sur
Redondela 9 -Rodavigo Mos 4
Os redondeláns están a saír do pozo despois de non comezaron moi ben esta liga. O partido da pasada fin de semana podería ser o punto de inflexións que precisaba o equipo, ó golear ó Rodavigo Mos, un dos equipos fortes do grupo, cun contundente marcador de 9 goles a 4. A vitoria permítelles escalar ata o 9º posto da táboa. A próxima fin de semana xogan na pista do Baitra Baiona, actualmente 5º clasificado, que suma dous puntos máis que os redondeláns.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará