Hoxe é Venres 6 de Decembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Choco cae derrotado no Revel e dálle a primeira vitoria ó Sanxenxo

RR_Noticias

Partido con moitos goles e espectáculo no Revel. Os de Julio Álvarez conseguiron empatar cando perdían por 2-0, pero nos últimos minutos o Sanxenxo sentenciou o partido cando o Choco xogaba cun home menos. Xa na Primeira Autonómica o Arcade sumou a súa primeira vitoria no campo do Vilariño.

Autonómica Preferente
Sanxenxo 4- Choco 2
O Sanxenxo saiu ó terreo de xogo coa presión de saber que precisaba unha vitoria para saír do pozo. O Choco chegou ao Revel tras golear ao Arousa e disposto a sumar a súa segunda vitoria consecutiva. Desde o arranque, os dous equipos demostraron que querían facerse cos tres puntos e buscaron a portaría contraria. A primeira ocasión foi para o Choco nunha internada de Buján que finalizou nun disparo desviado por Vladi. A resposta do Sanxenxo chegou no minuto 8. Cuchi controlou dentro da área e realizou un remate que se foi rozando o traveseiro. No minuto quince chegou o primeiro tanto local. Aguín abriu cara a José Anxo e este puxo un centro raso ao bordo da área para que Cuchi fusilase a Solla. O segundo tanto amarelo chegou no minuto 24. Tras un córner, o balón quedou morto na área e José Anxo meteu a punteira para conducilo á rede. Na seguinte acción ofensiva, Dani Abal saíu ao contraataque e cedeulle a Diego Blanco, que non soubo definir ante Solla. Moi tamén tivo a súa opción pero o seu disparo dentro da área foise rozando o pau. O Choco meteuse no partido tras unha man de José Anxo na área. O colexiado sinalou o penalti, e Calo transformouno con tranquilidade, anotando o 2-1.
Na continuación, o cadro de Redondela quedou en inferioridade pola expulsión de Gerardo pero, aínda así, botou man da súa raza para empatar o encontro no minuto 55. Santi Pérez cabeceou ao fondo da rede un saque de esquina. O tanto fixo moito dano a un Sanxenxo que non foi capaz de aproveitarse da superioridade numérica. No minuto 74, Calo aproveitouse dunha indecisión entre Vladimir e o centrais pero non foi posible adiantarse no marcador xa que o gardameta protagonizou unha boa parada.
Xa no minuto 84 chegou o gol da vitoria local. Cacheda provocou un penalti tras unha internada na área e José Anxo encargouse de marcar a pena máxima que significaban os tres primeiros puntos para o Sanxenxo. E no último minuto de xogo Diego Blanco sentenciou o encontro tras aproveitar un saque en longo de Vladimir
Os de Julio Álvarez non puideron referendar así o cambio de rumbo do equipo e o Choco é agora 15º, da táboa. Na próxima xornada os redondeláns reciben o domingo ó Atios en Santa Mariña, equipo mellor situado, xa que os do Porriño son 10º.
 
Primeira Autonómica
Salvaterra 3 – Chapela 2
O Chapela non puido seguir sumando puntos logo da súa boa racha, e perdeu por un gol de diferencia co Salvaterra, que se fixo forte no seu campo. Con todo os de Luis Ferreira seguen na metade da táboa, son 10º, e na próxima xornada terán ocasión de mellorar esa situación xa que reciben na casa ó Caselas, equipo da parte baixa da táboa.
 
R. Vilariño 2 -Arcade 3
O Arcade conseguiu sumar a súa primeira vitoria nesta liga. Con todo, o partido non foi lucido, con dous xogadores expulsados por parte do Arcade e un por parte do Vilariño. No descanso o marcador reflectía un empate a un tanto, pero a suma goleadora aumentou na segunda parte con balance favorable para os de Soutomaior. A vitoria deixa ó Arcade na 16ª posición da táboa, a próxima xornada recibirán ó Tomiño, o 7º do grupo.
Terceira Autonómica
Choco 0 – G.Peña 4
O Choco non puido co G.Peña e recibiu en Redondela un severo correctivo ao caer por goleada. O Choco é agora 14º, o próximo domingo xogarán no campo do Coia, o equipo vigués está na parte alta da táboa.
 
Atios 3 -Vilar 1
Era un campo complicado para os redondeláns, e non foron quen de superar ós porriñeses, que se impuxeron no seu terreo. A derrota deixa ó Vilar 11º na táboa, a próxima xornada os de Redondela reciben ó Gondomar, que son 10º e suman os mesmos puntos que o Vilar, aínda que cun partido máis disputado.
 
Moaña B 1 – Cesantes 2
O Cesantes escala ata o 8º posto da táboa despois da vitoria no campo do filial do Moaña. Na próxima xornada disputarán un partido de rivalidade, xa que reciben ós veciños do Arcade B.
 
Arcade B 1 – Sampaio 3
Interesante derbi no campo do Arcade, con moita emoción e bastante igualdade, aínda que finalmente os de Pontesampaio demostraron a súa maior veteranía sobre os mozos do filial do Arcade. Deste xeito o Sampaio segue sen coñecer a derrota. Mentres que o Arcade B, 13º do grupo, disputará outro derbi no campo do Cesantes.
 
Soutomaior 0 – Cruceiro B 0
O Soutomaior aguantou o tirón dun dos equipos máis fortes do grupo, o Cruceiro B. Non subiu ningún gol ó marcador. O empate deixa ó Soutomaior na 12ª posición da táboa. O próxima domingo xogarán no campo do Caroi, equipo da parte alta da táboa.
 
Xinzo 4 – Nespereira 4
Ao Nespereira dánselle ben os equipos grandes, e iso que no tempo de descanso gañaba o Xinzo por 2-1. Pero na segunda parte o Nespereira foi superior e conseguiu a igualada. Deste xeito os de Pazos son 13º na táboa, e preparan o partido do próximo domingo, cando recibirán ó C. Areas, colista do grupo.
 
Fútbol Sala-Autonómica sur
Lavadores 8- Redondela 3
O FS Redondela non é quen de saír do pozo da táboa. Esta fin de semana colleitou unha abultada derrota en Vigo, na pista do Lavadores, e a pesares de ter ocasións non materializou en goles as súas oportunidades. Os redondeláns non comezaron moi ben esta liga, están na 14ª posición da táboa. E o próximo sábado van ter un rival complicado xa que reciben na bomboneira de Redondela ó Rodavigo Mos, 3º da táboa e un dos equipos fortes da categoría.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará