Hoxe é Martes 23 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A falta de relevo nas “burras” pon en perigo o futuro da danza das penlas

RR_Noticias

As actividades tradicionais, como a Danza da espadas ou as alfombras florais comparten cartel cunha exposición sobre a Coca e unha nova edición do mercado artesanal que se vai desenvolver na fin de semana nas inmediacións da Casa da Torre. O edil de cultura fai un chamamento para asegurar o relevo das “burras” no vindeiro ano.  

As rúas de Redondela volverán encherse de música e cor a partir de mañá, mércores, coa celebración das Festas da Coca 2010 que se prolongarán ata o vindeiro domingo día 6. A programación comeza oficialmente ás cinco da tarde de mañá co lanzamento das bombas de palenque que darán paso aos pasarrúas e o desfile de Xigantes e Cabezudos, para continuar, as 21.00 horas, coa lectura do pregón a cargo de Clodio González Pérez, mestre, etnógrafo e historiador, coñecedor das lendas da coca. Unha festa que mantén a súa estructura orixinal, sendo o día grande o xoves coa procesión polas rúas decoradas con alfombras florais e o tradicional baile das Penlas e a danza das espadas na praza da Constitución. Un baile que está en perigo pola falta de relevo nas “burras”. De feito, dende a concellería de Cultura, Eduardo Reguera, fai un chamamento para que posibles candidatas aseguren a substitución das actuais portadoras das penlas en edicións vindeiras. As actividades sucederanse ao longo dos seguintes días con concertos, espectáculos de monicreques, campionatos de balonmán, petanca e exhibicións de patinaxe e taekwondo, sen esquecer as verbenas nocturnas. Ademais os días 5 e 6 celebrarase o mercado medieval nas inmediacións da Praza da Torre onde se poderá gozar cos preto de cen postos de produtos artesanais e gastronómicos. Este é ao entender do edil de cultura unha das actividades complementarias que máis está a favorecer o incremento de público durante a fin de semana. Ademais, ao longo dos dous días haberá xogos medievais, actuacións de música e danza, representacións teatrais, e diferentes espectáculos coa representación da lenda da Coca. Outra das actividade paralelas é a exposición que a partir desta tarde e ata o día 19 de xuño se poderá visitar no Multiusos da Xunqueira baixo o título “A Coca de Redondela en 1000 imaxes” onde se recollen reproduccións en cerámica, madeira, barro, así como aparicións da figura da coca en publicidade, obra pública, ilustración, carteis ou programas de festas, ilustrado ademais cos textos de José Martínez Crespo. Finalmente lembrar que os máis pequenos terán tamén as súas actividades na tarde de xoves e venres coa actuación do circo Dos Perillas, a C’é orquestra pantasma ou o espectáculo Contaloucos de Tanxarina.

Eduardo Reguera edil de cultura
O pregón correrá a cargo de Clodio González Pérez
Relevo nas "burras"
Non hai mulleres para substituir ás actuais
Mercado medieval
Un total de cen postos se instalarán na contorna da Casa da torre
A Coca en 1000 imaxes
A expo poderase visitar ata o 19 de xuño

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará