Hoxe é Sábado 27 de Xullo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Rei nega a imputación diante do xuíz e declara que actuou “en beneficio público”

RR_Noticias

O fiscal pide nove anos de inhabilitación para o alcalde redondelán por prevaricación. Mentres o rexedor admite que o interventor lle advertiu de que existía unha falta administrativa, pero “non un ilícito penal”.

O alcalde de Redondela repetiu no xulgado a mesma versión dos feitos que xa adiantara nos micrófonos de Radio Redondela. Onte admitiu na súa declaración ante o xuíz da Sala do Penal número 1 de Vigo que o interventor municipal advertíralle de que se cometía unha “falta administrativa, pero nunca un ilícito penal” ao recorrer a un recoñecemento extraxudicial de crédito para proceder á ampliación das obras de reforma das rúas Alfonso XII, Ribeira e Xeneral Rubín. O alcalde explicou , como xa fixo en anteriores ocasións, que non había outra saída ao tratarse dunha actuación urxente que carecía de consignación orzamentaria. Mentres o fiscal pide que se inhabilite ó rexedor por un período de 9 anos por prevaricación, mentres Rei asegura que actuou, non en beneficio propio, senón aplicando o sentido común, buscando a mellor solución para a cidadanía.
O caso remóntase á renovación das redes de saneamento e abastecemento das citadas rúas, unha actuación cun custo de 124.000 euros que non estaba incluída no proxecto inicial, adxudicado á empresa Hidroscivil S.L. mediante concurso público. Foi despois de que os técnicos advertisen da necesidade de cambialas polo mal estado que presentaban.
Ante o imprevisto, Rei decidiu adxudicar directamente os traballos á mesma compañía sen facer concurso público, para pagar posteriormente mediante recoñecemento extraxudicial de crédito, obviando as advertencias do interventor.
O Ministerio Fiscal, representado polo fiscal xefe da provincia de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, mantivo a súa solicitude unha condena de nove anos de inhabilitación para o desempeño de cargo público para o rexedor redondelán polas supostas ilegalidades na contratación das obras, ao considerar que é responsable dun presunto delito de prevaricación, e tamén pide a mesma pena para o concelleiro de Asuntos Económicos e Urbanismo, Emilio González. Neste sentido lembrou que un informe do interventor advertía de que os gastos aprobados para eses traballos eran ilegais e nulos de pleno dereito. González é rotundo ó afirman que o goberno local fixo o seu traballo, que é “velar polos intereses dos veciños de Redondela”, e que agora deben ser o fiscal e o xuiz os que fagan o seu, o que agardan con tranquilidade.
A defensa, que tamén fixo o seu traballo, asegurou que non quedou demostrada a autoría dos feitos e considerou que o ámbito dos feitos é o contencioso administrativo, e nunca o penal. O avogado do Concello, Alfonso Pereira, destacou tamén que o informe do interventor non advertiu da irregularidade previamente a que se realizase a obra, senón cando se ía a aprobar en pleno a modificación de crédito.
Para o Ministerio Fiscal, a actuación do alcalde non buscaba un beneficio económico, pero si electoral co obxectivo de “perpetuarse” no poder despois de 30 anos de goberno. Neste sentido, incidiu en que a decisión tomada no que respecta ás obras do saneamento enmarcábase na ilegalidade e que iso foi feito a propósito.
Xaime Rei rexeitou facer declaracións á espera de que o xuíz tome unha decisión, aínda que lembrou que, en todo caso, é recurrible.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará