Hoxe é Xoves 7 de Maio de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A Bomboneira convértese no epicentro do balonmán feminino estatal con dous sectores nacionais

sectores

Foto: Patri Rivas

A Federación Española de Balonmán confirmou que Redondela organizará tamén o sector nacional cadete feminino –que se disputará na bomboneira do 21 ao 24 de maio- apenas uns días despois de anunciarse que a vila acollería o sector infantil. Deste xeito, a Bomboneira converterase durante o mes de maio nun dos grandes centros do balonmán feminino estatal da man da SAR Rodavigo, que exercerá como anfitrioa en ambas competicións nacionais.

A SAR volverá situar a Redondela no mapa do balonmán estatal coa organización de dous sectores nacionais femininos nas categorías infantil e cadete.

A primeira das competicións disputarase entre o 14 e o 17 de maio co sector nacional infantil feminino. O conxunto redondelán exercerá como anfitrión tras proclamarse recentemente campión galego e buscará unha praza na fase final do Campionato de España de Clubs.

As xogadoras da SAR Rodavigo terán por diante un reto de gran esixencia, xa que compartirán grupo co Loyola navarro, o Granollers catalán e o BM Gijón asturiano, tres históricos do balonmán feminino de base.

A Federación Española de Balonmán confirmou tamén que os outros representantes galegos clasificados nesta categoría terán que competir lonxe da comunidade. O Cafetería Jardín Bueu Atl. Balonmán viaxará ata Valladolid, o Garciventa Carballal faráo a Zaragoza e o Gaspo Occident BM Cangas disputará o seu sector en Tahiche.

Poucos días despois, entre o 21 e o 24 de maio, A Bomboneira volverá abrir as súas portas para albergar o sector nacional cadete feminino, consolidando así a Redondela como unha das grandes sedes do balonmán estatal nesta recta final da tempada.

Neste caso, Galicia contará con dúas sedes entre as catro designadas pola federación, xa que tamén A Guarda organizará o seu sector. Tanto o Mecalia Atlético Guardés como a SAR Rodavigo xogarán como locais, mentres que o Culleredo Sutenor e a Fundación Alba Torres Carrera BM Chapela terán que desprazarse ata Camargo e Zarautz, respectivamente.

As redondelás medirán as súas forzas fronte ao Urdaneta vasco, o Squad Valsequillo de Gran Canaria e a Academia Alcobendas madrileña, equipos de enorme potencial competitivo.

Con estas dúas citas consecutivas, Redondela converterase durante o mes de maio nun dos principais focos do balonmán feminino español, reunindo na Bomboneira a numerosas promesas do deporte estatal e reforzando a tradición da vila como referente organizativo dentro do balonmán galego.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará