Defenden que sumarse a esta iniciativa da Organización Mundial da Saúde favorecería a posta en marcha de políticas orientadas a máis de 8.000 veciños maiores de 65 anos. Por este motivo, os populares presentarán unha moción no pleno deste xoves 30 reclamando que o Concello se adhira a esta Rede.
O voceiro popular, Javier Bas, explica que Redondela sufre un crecente envellecemento, con xa preto do 30% dos cidadáns na franxa da terceira idade. Engade que tamén se ve afectada pola dispersión dos maiores, dado que moitos deles residen nas parroquias e non contan con moitos dos servizos existentes nos núcleos urbanos. Polo tanto, considera que deben recibir “unha atención especial” e que este sector da poboación “debe estar no centro das políticas públicas”.
Ante esta situación, o PP cre imprescindible avanzar cara un modelo municipal que promova un envellecemento activo, saudable, participativo e digno no que non só se dean resposta ás situacións de dependencia, senón que tamén dispoña de actuacións de prevención, favorecemento da autonomía persoal e de participación social e permanencia destas persoas na súa contorna habitual durante o maior tempo posible.
Para os populares, esta Rede de Cidades Amigas das Persoas Maiores encaixa perfectamente nas necesidades de Redondela, posto que ofrece un marco de accesibilidade dos espazos públicos e das vivendas, a mobilidade e o transporte, a participación social, cultural e comunitaria, a inclusión, o respecto e a loita contra o illamento, o acceso aos servizos sanitarios e sociais e a participación cidadá e a toma de decisións.
“Non estamos exclusivamente ante un recoñecemento institucional ao abeiro desta rede da OMS, senón ante unha oportunidade para realizar un diagnóstico da realidade de Redondela que permitirá planificar actuacións necesarias e mellorar os recursos existentes para os nosos maiores”, manifestou Bas, que destacou a importancia da detección temperá de necesidades, o acompañamento persoal ou a prevención de situacións de soidade non desexada.









