Os votos a favor dos tres concelleiros do BNG permitiron aos populares sacar adiante a moción na que solicitaban ao pleno a reprobación da alcaldesa argumentando “o deterioro das políticas da igualdade durante os seus mandatos”.
Os populares tras responsabilizar a Digna Rivas dun “abandono total sen precedentes das políticas de igualdade” solicitaban a súa reprobación “pola xestión en materia deigualdade e a perda de recursos, servizos e dereitos das mulleres durante o seu mandato”. Instaban tamén ao goberno local a elaborar un plan de igualdade e constituír de forma urxente unha mesa local contra a violencia de xénero.
A popular Sandra Bastos enumeraba como incumprimentos do goberno municipal “a perda de subvencións, a eliminación de servizos de conciliación, o desmantelamento do Consello da Muller ou a ausencia do Plan de Igualdade”.
Como era de esperar, a concelleira de igualdade, Iria Vilaboa defendeu o traballo realizado polo seu grupo e pola alcaldesa neste anos de goberno e acusou aos populares de presentar esta moción “nun intento evidente de desgaste político”. Afirmou que a política en materia de igualdade que desenvolve o Concello de Redondela é hoxe “un referente grazas a Digna Rivas”.
O BNG, malia votar a favor da reprobación da alcaldesa, aproveitou a súa intervención para acusar ao PP dunha dobre moral “xa que naquelas institucións nas que goberna fan totalmente o contrario do que predican nesta moción”. Concretamente falou das políticas da Xunta que “recorta axudas en igualdade” ou o feito de que o PP estea negociando gobernos con Vox “que negan a violencia machista”.
A nacionalista Jessica García acusaba a Rivas de dinamitar o consello municipal da muller e lles afeaba o atraso no plan de igualdade “que segue sen ser unha realidade logo de case dous mandatos”. Un debate que daba lugar a un enfrontamento directo entre a edil nacionalista e a alcaldesa.
Remunicipalización do lixo
A ausencia do edil de AER, Roberto Villar, quen non asistiu ao pleno por “circunstancias persoais máis que xustificadas” en palabras do BNG, levou ao concelleiro do Bloque, Xoán Carlos González a pospoñer o debate sobre a remunicipalización do lixo. Entenden os nacionalistas que a relevancia do asunto para iniciar os trámites para que o servizo da recollida e tratamento do lixo, nos últimos 20 anos en mans da empresa Urbaser, pase a ser xestionado directamente polo Concello debía realizarse nunha sesión na que estean presentes todos os grupos, polo que decidiron trasladar esta moción ao pleno do vindeiro mes.









