O Centro Cultural de Vilar de Infesta celebra este sábado 28 de marzo a partir das 20:30 horas a segunda edición do Miliarium Rock Vilar Festum, unha cita que aposta pola música en directo, o patrimonio local e a convivencia veciñal. O festival conta coa colaboración da ONG Damán.
O cartel está encabezado por Xalundes, que baixo o lema “abrir cos dentes”, promete unha descarga de adrenalina sobre o escenario. Xunto a eles, Chocolate Sexy, aportará o toque máis canalla á velada. Para que a música non pare en ningún momento, a xornada contará coa participación de Dj Choppy, quen será o encargado de amenizar o evento e manter o ritmo da festa ata o peche.
Nesta segunda edición, o compromiso do Centro Cultural Vilar de Infesta coa súa contorna vai un paso máis alá da promoción cultural. O festival asume un carácter social grazas á colaboración coa ONG Daman (Organización Galega polo Desenvolvemento), integrando a solidariedade nunha xornada onde a convivencia é a protagonista.
O festival, de entrada gratuíta, contará con servizo de comida con choripán, para que o público poida gozar da música nun ambiente festivo e acolledor.
O nome do festival, Miliarium Rock ten unha elevada carga simbólica, ao facer referencia ao propio estilo do festival marcado pola música rock e, ao tempo, render unha sentida homenaxe a un dos elementos patrimoniais de maior valor da parroquia: o miliario. Esta peza, testemuña muda do pasado da zona, eríxese como un emblema da identidade histórica de Vilar de Infesta, conectando as raíces antigas coa enerxía do presente.










