Hoxe é Xoves 26 de Marzo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Unha nova edición do “Espallar tinta” reúne na Alameda centos de escolares

espallar tinta

A Alameda Castelao convértese durante dúas xornadas, os días 26 e 27, nun gran escaparate da creatividade infantil coa celebración da IV edición de “Espallar Tinta”, unha iniciativa que reunirá preto de 700 escolares procedentes dunha ducia de colexios de Educación Infantil e Primaria. O alumnado dará a coñecer os seus traballos literarios nunha feira aberta ao público que busca fomentar a lectura, a escritura e a convivencia entre centros. A música correrá a cargo do Show de Fifo.

Entre os participantes atopamos ao alumnado dos colexios Igrexa-Chapela, Santa Mariña, Outeiro das Penas, Cedeira, Ventosela, San Pedro de Cesantes, Alexande Bóveda, EEI Marisma, Reboreda, Quintela e Colexio Vigo. Como novidade, nesta IV edición participa tamén como centro convidado o CEIP Doutor Suárez, de Fornelos de Montes. Máis de 700 nenos e nenas que durante dúas xornadas comparten na Alameda de Castelao traballos feitos en lingua galega que expoñen ao resto dos colexios.

Espallar Tinta naceu hai catro anos por iniciativa da mestra do colexio de Cedeira, Jessica Rodríguez como unha actividade de dinamización da escritura e a literatura na infancia. Unha feira que foi medrando coa incorporación de novos centros cuxo alumnado dá a coñecer as súas producións escritas. Xornais, contos ou poemas son algúns dos traballos presentados por estes nenos e nenas.

Para animar as xornadas contarase tamén co espectáculo o “Show de Fifo”, con música, bailes e moito humor. Tamén contaron coa presenza do escritor Miguel Alonso Diz e un obradoiro creativo organizado pola Biblioteca de Redondela.

O Concello de Redondela financia esta actividade, así como o traslado do alumnado ata a Alameda Castelao, e colabora co CEIP plurilingüe de Cedeira na organización. A alcaldesa agradeceu á profesora Jessica Rodriguez Piñeiro o seu traballo “na organización dun evento desta magnitude”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará