Os nacionalistas denuncian que o executivo de Digna Rivas está a dilatar prazos e a ignorar as demandas veciñais para facilitar a continuidade de ArcelorMittal no núcleo urbano de Chapela, malia o impacto na calidade de vida da parroquia e as reiteradas peticións para o seu traslado.
Consideran que o goberno de Rivas está a buscar unha saída favorable para a regularización da nave de ArcelorMittal, o que permitiría a esta empresa continuar no casco urbano de Chapela malia as demandas dos colectivos da parroquia que “xa se teñen manifestado a traverso de distintas alegacións a favor da saída da empresa”. Lembra que a nave, de máis de seis mil metros cadrados situada a carón da vía férrea Guixar-Redondela, está rodeada dunha alta densidade de vivendas e pola súa actividade implica un movemento diario duns cen camións de alto tonelaxe.
O voceiro do BNG, Xoán Carlos González Campo subliña ademais a proximidade de espazos sensibles como a Alameda Rosalía de Castro e o futuro apeadoiro ferroviario, o que, ao seu xuízo, reforza a necesidade de reubicar a actividade industrial fóra do casco urbano.
Desde o BNG critican tamén a xestión do goberno local nos órganos de participación, sinalando que a falta de información no consello parroquial celebrado a finais de 2025 impediu adoptar acordos, e que na seguinte convocatoria nin sequera se incluíu este asunto na orde do día, malia terse comprometido a analizar as alegacións presentadas.
Os nacionalistas coinciden coas asociacións veciñais de Chapela, que levan tempo reclamando o traslado da empresa, e acusan ao executivo de darlles as costas. Neste contexto, o BNG reafirma o seu compromiso cun modelo urbanístico que compatibilice o desenvolvemento económico coa calidade de vida, o que —defenden— pasa necesariamente pola saída de ArcelorMittal da súa localización actual.










