Hoxe é Luns 23 de Marzo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Os sete miradoiros e a reforma do Camiño de Cidadelle en Chapela logran financiamento

CIDADLLES

Cidadelle verá renovado o seu acceso tras dúas décadas de demandas veciñais. O proxecto impulsado polo concello permitirá renovar infraestruturas básicas e mellorar a mobilidade nun tramo de mil metros con forte pendente. Creará ademais sete miradoiros con zonas de lecer e descanso para a cidadanía. O proxecto ascende a un millón de euros e será financiado nun 70% pola Deputación mentres que o concello asumirán o 30% restante.
Esta zona residencial presenta actualmente unha estrutura urbana deteriorada. O proxecto é un investimento estratéxico “que suporá unha clara mellora na calidade de vida da veciñanza coa mellora das comunicacións no barrio, unha vía máis moderna e segura para os peóns e novos espazos públicos” en palabras da alcaldesa, Digna Rivas. O goberno local cumpre así cunha demanda histórica dos veciños da zona, que levaban dúas décadas reclamando unha vía en condicións. Logo de facer a primeira fase da Subida a Cidadelle en 2024, este ano será a quenda da segunda parte do camiño.
O proxecto inclúe sete miradoiros que serán tamén zonas de descanso para a veciñanza. Estes espazos porán en valor as vistas panorámicas sobre a ría, ademais de crear lugares de encontro para a cidadanía con mobiliario urbano, bancos, arborado e pérgolas. Situaranse en lugares estratéxicos ao longo da vía “para que os peóns poidan parase e descansar”.

Digna Rivas, alcaldesa de Redondela

O primeiro deles será no cruce coa Senda da Auga, coincidente co trazado do Camiño de Santiago, onde se dará prioridade aos peóns. O segundo dos miradoiros estará uns 80 metros máis arriba, na zona máis horizontal do camiño de Cidadelle. A terceira das áreas de descanso localízase ao carón dunha fonte e un cruce de camiños. A cuarta das plataformas situarase na curva de enlace co camiño do Avispeiro. O quinto miradoiro será un dos puntos máis singulares, fronte ao edifico municipal do centro Sociocultural de Cidadelle. A sexta área será no entronque dos camiños do Cuco e da Quinta e, por último, na cota máis alta do camiño de Cidadelle instalarase o sétimo dos miradoiros cunha pequena praza no entronque co camiño da Bruxa e a Estrada da Lamosa.
O proxecto da reforma integral do camiño de Cidadelle, cunha lonxitude aproximada de 1.000 metros, presentado polo Concello de Redondela ao Plan Extra da Deputación está valorado en 1.088.065,42. A proposta acadou os fondos provincias, que cubrirán o 70% do custe das obras (761.645,79 €), e o Concello financiará o 30% restante (326.419,63 €).

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará