As pupilas de Carla Abad leváronse o título unha semana antes de que finalice a competición. Fixérono nun partido celebrado en Culleredo (A Coruña) logo de lograr a vitoria por 36-43, nun encontro moi disputado na primeira parte e no que as de Redondela lograron tomar distancia logo de pasar por vestiarios.
As de Redondela viaxaban a Culleredo co obxectivo de sumar os puntos suficientes para proclamarse campioas sen ter que esperar ao remate da liga. Un partido emocionante, cunha primeira parte onde os dos equipos estiveron moi igualados, chegándose ao descanso cun marcador de 15-17.
Na segunda parte as da Sar saíron con máis forza e foron quen de tomar distancia coas locais, agrandando a diferenza ata chegar ao definitivo 36-43.
A SAR Rodavigo, que milita na Liga Ouro de infantil feminino, lograba así o obxectivo de facerse co título de campioas galegas, logo de asegurarse xa a pasada semana o pase ao Sector Nacional.
As xogadoras celebrarán este título a vindeira fin de semana coa súa afección. Disputarán o último partido da Liga Ouro na Bomboneira o domingo 29 ás 11:30 horas contra o Balonmán Porriño.









