Os efectos dos temporais fanse notar no centro da vila con desprendementos e caída de cascotes que deixan varias incidencias sen que haxa que lamentar danos persoais. O acontecido nesta fin de semana na rúa Castelao e Pai Crespo interior súmase a outro incidente semellante que se producía a semana pasada en Ernestina Otero, coa caída de cascotes que se soltaron de varios edificios por mor do vento. Tamén esta madrugada houbo que cortar o tráfico baixo o scalextric durante varias hora por atoparse completamente anegado.
Arrancamos unha nova semana de mal tempo, chuvias e temporal que nos deixará moita auga e tamén alerta amarela por vento que volverá azoutar a comunidade. Uns refachos de vento que provocaron tamén na fin de semana a caída de cascotes de diferentes edificios en Redondela. Axentes da Policía Local interviñeron tanto na rúa Castelao na Picota como en Pai Crespo Interior, onde se produciron algúns desprendementos sen consecuencias graves pero que obrigaron a acordoar a zona para restrinxir o paso de peóns polas proximidades.
Tamén esta madrugada volveu anegarse a rúa baixo o escalextric (na confluencia entre a Rúa Xeneral Rubín e a Avenida Mendiño) e foi preciso cortar o tráfico por esa vía durante varias horas. Unha situación que se produce periodicamente cando coinciden xornadas e períodos de precipitacións moi intensas con mareas vivas que provocan enchentes no río Alvedosa.
Fervenza Reboreda
A cara positiva das intensas chuvias dos últimos días atopámola unha vez máis na fervenza de Reboreda que nos deixa o espectáculo habitual destas datas pola enchente do río e coa auga batendo con forza na zona.









