Poden solicitar estas axudas empresas, autónomos, confrarías, asociacións do sector pesqueiro, entidades públicas e asociacións sen ánimo de lucro. Así o explicou a xerente do GALP, Elena Herbello no acto celebrado este mércores na Asociación de Empresarios co gallo de difundir unhas subvencións que buscan impulsar proxectos vinculados ao sector pesqueiro. No marco desta xuntanza o goberno local anunciou que están a traballar nun proxecto de ampliación da sinalización e promoción de rutas costeiras do municipio.
O acto, celebrado na Asociación de Empresarios de Redondela, serviu para dar a coñecer a entidades, asociacións e empresas as características destas subvencións. Elena Herbello, xerente do GALP, explicou que tipo de proxectos vinculados cos territorios costeiros poden acollerse a esta convocatoria de axudas 2026.
No acto estivo presente a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez, e adiantaron que o Concello traballa na ampliación da sinalización e promoción de rutas costeiras do municipio “para mellorar a mobilidade e poñer en valor o patrimonio litoral”.
A Confraría San Xoán de Redondela e o Círculo Cultural de Chapela explicaron os seus respectivos proxectos, que recibiron fondos en anteriores convocatorias. No caso da Confraría a bióloga e técnica Beatriz Crespo explicou que fixeron unha aposta ecolóxica e sostible e recibiron financiamento para un vehículo 100% eléctrico e cero emisións co que comercializarán e distribuirán produtos do mar de Redondela. Emilio Sánchez, presidente do Círculo, expuxo o seu proxecto “Muller, cultura e mar” para dar a coñecer a cultura propia da contorna, fomentar o deporte náutico, adaptar instalacións e mellorar a eficiencia enerxética.
No acto participaron o alcalde de Nigrán, Juan González, o concelleiro de Soutomaior Diego Moreira, así como a xerente e o presidente da Asociación de Empresarios, Julia Alonso e Enrique Lago.
Poden solicitar estas axudas empresas, autónomos, confrarías, asociacións do sector pesqueiro, entidades públicas e asociacións sen ánimo de lucro. O prazo está aberto ata o 16 de febreiro.









