Foto do SAr Rodavigo con Vero Posada de Patry Rivas // Estación Balonmano
O Club SAR Balonmán Rodavigo despediu o ano 2025 por todo o alto na División de Honra Prata Feminina. As redondelás viaxaron ata as Illas Canarias para medirse ao Balonmán Romade no último partido do ano e regresaron cunha valiosa vitoria por 28-32, a cuarta consecutiva. Un broche de ouro que permite ao equipo rematar o ano con bo pé, encarrilando cara ao final da primeira volta unha racha impresionante con triunfos contra rivais da parte alta da táboa: Romade, Rocasa Gran Canaria, Balonmano Getasur e Cañiza.
O encontro comezou moi igualado, con ambos os equipos intercambiando goles e un marcador axustado (7-8 no minuto 11). Con todo, as xogadoras do SAR foron impoñendo pouco a pouco o seu ritmo, asentándose na pista e abrindo unha brecha importante antes do descanso: 14-20 ao intermedio. Na segunda metade, as visitantes mantiveron a intensidade e chegaron a dominar por dez goles de diferenza (15-25 no minuto 36). Aínda que as locais tentaron reaccionar e recortaron distancias no tramo final, o SAR soubo xestionar a vantaxe e pechou o partido con autoridade.
A adestradora Verónica Posada non agochaba a súa satisfacción tras o asubío final: “A verdade que estamos moi contentas, non esperabamos isto porque nos tocou un final de inicio de tempada moi complicado contra a zona alta da táboa. Viñamos de derrota tras derrota, o equipo estaba nun momento complicado e estes resultados fan que collamos a volta despois do parón con moitas ganas e pensando que, en lugar desa zona baixa, podemos competir por estar o máis alto posible”.
Posada tamén destacou as dificultades do desprazamento: “Xogar como visitante nunca é fácil. A viaxe foi un pouquiño complicada, cunha borrasca en Canarias, non sabiamos se podiamos aterrar e voamos con atraso. Ademais, fomos moi xustas, con 12 xogadoras por lesións e voos xa comprados. A primeira parte foi moi boa e, grazas á renda de 10 goles, a segunda non se nos complicou demasiado, aínda que notamos o cansazo de xogar moitos minutos”.

Sobre o estado anímico da plantilla, a técnica sinalou: “Agora véxoas contentas, con bo ambiente de grupo. Cando vas perdendo, aparece a frustración, sobre todo porque foron moitos partidos nos que iamos por encima e nos últimos 10 minutos non salvabamos o resultado. As xogadoras son moi novas, cunha media de 21 anos, e tiñan que aprender a xestionar eses momentos. O mazazo de Fuentes Carrionas, onde empatamos e logo perdemos por unha reclamación, afundiunos, pero a partir de aí só podiamos ir para arriba e estámolo conseguindo entre todas”.
O equipo é, sen dúbida, moi novo e sinalou a importancia das incorporacións xuvenís e das lesións que marcaron o curso: “Este ano contamos con dous xuvenís. Leire está a achegar bastante en defensa. Carlota estará todo o ano tras a rotura de cruzado de Sara Vilaboa. Oxalá o aninovo traia de agasallo recuperar á xente, porque levamos lesións desde o inicio . Algunhas como Adriana ou Sara xa non contaremos esta tempada”.
A pesar de comezar a temporada con mal pé, o SAR Rodavigo ocupa actualmente o sétimo posto da clasificación e mira ao futuro con optimismo. Agora toca desfrutar do parón de Nadal para recargar pilas. A competición volverá o 10 de xaneiro na Bomboneira, cun choque clave contra o Balonmano Xixón, empatado a 12 puntos. “Tócanos Xixón ao volver, último partido da primeira volta. Estamos empatadas a puntos, así que quen gañe conseguirá un posto máis arriba. O noso inicio de ano vai ser moi importante porque perdemos duelos contra a parte baixa que non nos podemos permitir. O obxectivo é facer o mellor principio posible para saber de verdade onde podemos soñar”, concluíu Posada.
As mozas do SAR Rodavigo están en racha e dispostas a seguir sorprendendo en 2026.









