Hoxe é Mércores 17 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Xornada sen puntos na Segunda Autonómica

DSC_6499_Edited

Imaxe de arquivo do Balonmán Chapela

Os tres equipos redondeláns da Segunda Autonómica Feminina pecharon o 2025 con derrotas nos seus respectivos partidos. Pastoriza Choqueiras, SAR Inpernoroeste e Cíes Obra Civil Balonmán Chapela non puideron sumar puntos na última xornada do ano, caendo ante Balonmán Tui (23-18), BM Abegondo (20-25) e Bueu Atlético Balonmán (25-18), respectivamente.

Bueu Atlético Balonmán – Cíes Obra Civil Balonmán Chapela (25-18)

As beretes do Cíes Obra Civil Balonmán Chapela viaxaron ata o pavillón Pablo Herbello de Bueu, onde caeron por 25-18.

As visitantes mantiveron unha diferenza adversa de arredor de dous goles durante a primeira parte. Na segunda, as redondelás conseguiron un respiro ao empatar a 13 aos 40 minutos de xogo. Con todo, o Bueu soubo reaccionar con autoridade, ampliando progresivamente a distancia no marcador ata o definitivo 25-18.

SAR Inpernoroeste – Club BM Abegondo (20-25)

A SAR Impernoroeste recibiu na Bomboneira ao actual líder da categoría, o Balonmán Abegondo, nun partido que pechaba o ano 2025 para as redondelás.

Ás locais custoulles entrar no ritmo do encontro e as visitantes aproveitaron ese arranque dubitativo para abrir brecha cedo no marcador (1-5, minuto 7). Aos poucos, a SAR foi axustando a defensa e o ataque, logrando igualar o partido (5-5, minuto 13). Con todo, o conxunto coruñés volveu impoñer o seu ritmo e distanciouse de novo (5-10, minuto 17), obrigando ás mozas redondelás a ir a remolque ata o descanso (9-14).

Na segunda metade, o SAR Inpernoroeste seguiu loitando por reducir diferenzas e tentar darlle a volta ao luminoso, pero as imprecisións en ataque e a experiencia do líder terminaron por decidir o choque. O partido pechouse cun 20-25 favorable ás visitantes.

Martínez & De Castro Balonmán Tui – Pastoriza Choqueiras (23-18)

As Pastoriza Choqueiras desprazáronse ao pavillón municipal Gustavo Rodríguez de Tui para enfrontarse ao conxunto local. As redondelás foron sempre por detrás no marcador, cunha diferenza que oscilou arredor dos dous goles durante a primeira parte. Na segunda metade, a vantaxe ampliouse ata os catro ou cinco goles, culminando nun resultado final de 23-18.

Agora chega un parón polo Nadal, e a competición non regresará ata o 18 de xaneiro de 2026. Na primeira xornada do novo ano, haberá un derbi redondelán: as Pastoriza Choqueiras recibirán na casa á SAR Inpernoroeste. Pola súa banda, o Cíes Obra Civil Balonmán Chapela descansará esa fin de semana e volverá á acción o 25 de xaneiro, cun encontro no pavillón Municipal Manuel González Soto de Chapela ante o Club BM Abegondo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará