Hoxe é Mércores 17 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Docentes de Redondela e Chapela protagonizan unha marcha fúnebre pola morte do ensino público

mani 1 si

O profesorado que se sumou á folga convocada por CIG-Ensino e STEG partía en torno ás 10.30 horas dende a avenida Mendiño en dirección ao Concello nunha marcha fúnebre á que se foron sumando manifestantes no seu percorrido. Con esta acción preténdese simbolizar a “morte do ensino público” ante as políticas de recortes da Xunta e “visibilizar” socialmente as problemáticas que está a sufrir o profesorado coa desaparición de prazas e, sobre todo, o déficit de persoal para atender necesidades educativas especiais. Unha situación que leva a que centros como o IES Pedro Floriani conte tan só cunha orientadora para atender a 111 persoas con necesidades educativas específicas.


Un instituto con 511 alumnos e alumnas, dos cales o 20% presentan necesidades específicas e que dispón dunha única orientadora para a súa atención. Unha situación que o profesorado entende insostible polo que decidiron hoxe protagonizar unha marcha fúnebre que partía dende a zona escolar da Avenida Mendiño e remataba ás portas do concello coa concentración dos manifestantes e a lectura do manifesto no que se denunciaba o “falecemento do ensino público polos recortes continuados e o abandono institucional por parte da Xunta e da Consellería”.


Unha das participantes na marcha explicaba algúns dos motivos que os levan a mobilizarse: o recorte de persoal “que era unha constante en anos previos pero que se agravou notablemente neste curso”, a diminución dos ratios ou a perda de poder adquisitivo do profesorado.


Outras demandas que tamén se están a escoitar nestas protestas fan referencia á privatización da FP e o aumento da carga de traballo burocrático que dificulta a dedicación docente.


A protesta, que se viviu tanto en Redondela como noutro municipios de toda a provincia e de toda Galicia onde se celebraron velorios e marchas fúnebres, prolongarase tamén na xonrada de mañá. O profesorado está chamado a folga nas dúas xornadas e este mércores está prevista unha gran protesta en Santiago de Compostela onde se escenificará o enterro do ensino público cunha marcha dende o Parlamento de Galicia ata a Consellería de Educación.


Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará