Os negocios do concello poderán beneficiarse deste novo servizo de recollida porta a porta de papel e cartón que arranca este mércores 3 de decembro. A recollida realizarase os luns, mércores e venres en horario de 18:00 a 21:00 horas. Unha mellora que lle permitirá a todos os negocios de Soutomaior xestionar os seus residuos dunha maneira máis cómoda, directa e sostible.
O servizo de recollida do lixo porta a porta, prestado por Urbaser en Soutomaior realizará a ruta de recollida en horario de tarde de 18:00 a 21:00, en días alternos os luns, mércores e venres. Os residuos deberán ser depositados nas entradas dos establecementos, tanto comercios como pequenas empresas, debidamente pregados e compactados, de xeito que non poidan esparexerse pola rúa por acción do vento ou motivos similares.
Dende o Goberno Local salientan que este novo servizo suporá un antes e un despois na xestión do lixo ao favorecer un incremento na recollida selectiva dos residuos.Lembran tamén que esta iniciativa está enmarcada dentro do proxecto Conscientes en torno a dous grandes obxectivos: a xestión ecolóxica do lixo e a mellora na prestación do servizo.









