Hoxe é Domingo 7 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O “Novo Manuel” bota a navegar gracias ao traballo colectivo

WhatsApp Image 2025-10-09 at 20.03.06

O peirao de Cesantes acolleu a presentación oficial do bote “Novo Manuel”, unha réplica exacta do emblemático bote “Manuel” que, hai case un século, achegaba víveres aos presos da illa de San Simón e salvou a centos de xudeus que chegaban á ría de Vigo durante a II Guerra Mundial. A botadura contou cunha botella de viño para invocar a sorte na navegación e un ramo de loureiro, sinal de que o barco novo estaba listo para surcar as augas.

A restauración do bote orixinal e a construción da réplica realizáronse nos Obradoiros de Emprego de Carpintería de Ribeira do Concello de Redondela entre 2024 e 2025. Alumnas e alumnos destes talleres asistiron á botadura e recibiron os parabéns da alcaldesa Digna Rivas –que exerceu de madriña– “polo gran traballo realizado”.

Digna Rivas.

Faustino Otero, de 74 anos e herdeiro do bote que seu avó mandou construír, foi o primeiro en coller os remos para “estrealo” na enseada, xunto aos membros da Asociación Lagoa dos Bébedos, que impulsou o proxecto e agora xestionará a embarcación. Nos anos 40, o barqueiro Faustino Otero, mentres se encargaba do transporte de víveres a San Simón, colaboraba en segredo co médico vigués Eduardo Martínez Alonso, coñecido como o «Schindler» galego. Este profesional, que exercía como doutor da Embaixada Británica en Madrid, tiña unha casa en Redondela na que ocultou a centos de xudeus que escapaban do nazismo. “Estou moi feliz de ver o ‘Novo Manuel’ no mar. Grazas a todos os que o fixeron posible”, dixo Otero, visiblemente emocionado, mentres o bote cortaba as augas calmadas da ría.

Faustino Otero.

O colectivo, que xestionará o novo bote, trasladou a súa intención de darlle difusión á historia do “Manuel” en diferentes encontros de embarcacións tradicionais que se celebran tanto na costa de Galicia como na de Portugal e o Cantábrico. Amosáronse “moi satisfeitos” porque o proxecto “rematouse con moito éxito”.

Lagoa dos Bébedos.

O alumnado dos obradoiros dedicaron centos de horas a restaurar o “Manuel” orixinal –hoxe exposto no Museo Meirande– e a erguer esta réplica fiel. A directora dos Obradoiros, Imelda Barrio, explicou que o “Novo Manuel” superou todas as inspeccións técnicas de Capitanía Marítima e xa está listo para navegar. “Comezamos quitando patróns do bote vello, que estaba case cristalizado pola humidade. No primeiro ano, fixemos a base e as plantillas; no segundo, rematamos a estrutura con outros dez alumnos. Foi un traballo minucioso, onde cada avance era unha lección”, dixo Óscar, un dos membros da asociación Lagoa dos Bébedos, eloxiando o compromiso dos participantes, moitos deles veciños de Redondela en busca de formación no oficio marítimo. Que engadiu palabras de agradecemento aos obradoiros de carpintería de ribeira, aos mestres, á dirección e, sobre todo, aos alumnos que levaron a cabo un traballo magnífico.

Imelda Barrio.

O colectivo tamén estendeu o seu recoñecemento ao inspector de Capitanía Marítima, Antonio Seoane, pola súa colaboración nas probas, e adiantou plans para o futuro: “Encantaríanos usalo en eventos como a Festa do Choco, para facer saídas con nenos e nenas e que coñezan os oficios do mar e a historia da ría”.

Lagoa dos Bébedos.

Con este bote no mar, Redondela gaña un novo atractivo turístico que achegará a veciños e visitantes á historia local de solidariedade e humanidade. O “Novo Manuel” levará consigo a mensaxe de que a memoria da nosa ría é un remo para non esquecer os horrores do pasado e construír un futuro conectado co mar.

Lagoa dos Bébedos.
Faustino Otero, Digna Rivas e Antonio Cabaleiro.
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará