O casco vello acolle dende hai catro meses un novo espazo dedicado aos libros, un proxecto persoal de Tania Lago na rúa Reveriano Soutullo que aspira a ser un lugar de encontro, conversas e actividades en torno a literatura. Con ese obxectivo inician un ciclo de actividades que arrancan este mesmo sábado coa presentación do libro Son coma glaciares os barcos de aceiro coa súa autora Cynthia Menéndez acompañada da xornalista Carolina Sertal.
Tania Lago compatibiliza o seu traballo en horario de mañá co seu proxecto máis persoal: unha libraría que abre en horario de tarde de martes a venres o os sábado de mañá. A apertura deste negocio supuxo cumprir a súa paixón de dedicarse a algo relacionado cos libros.
Malia que recoñece que emprender sempre é difícil e máis cando apostas por un sector como é o dos libros asegura que ata o de agora a experiencia está a ser moi satisfactoria. Neste sentido apunta a que os índices de lectura na pandemia subiron logo de anos de baixada. Ademais, malia a competencia das pantallas, que copan boa parte do tempo de ocio, tamén axudan a que as persoas lectoras coñezan e se acheguen a libros a través de comunidades que se crean nas redes. Este é un momento que cualifica de ilusionante para o sector.
Un dos seus obxectivos como libreira é tamén poñer en marcha actividades diversas de dinamización cultural que animen ao público a achegarse. A primeira proposta será este sábado coa presentación do libro “Son coma glaciares os barcos de aceiro” ás 12:00 horas. Estará a autora Cynthia Menéndez, que comparte con Tania Lago o feito de seren libreiras, acompañada da xornalista Carolina Sertal. Un libro que nos leva ata o Vigo dos anos noventa, cunha mirada a través dos recordos dun neno das manifestacións, as folgas e a loita sindical vivida na cidade en medio da reconversión industrial.
A programación continuará o día 27 cunha sesión de Contacontos con Olga Cuervo que ten xa todas as prazas cubertas.










