Unha de cal e outra de area neste inicio de curso. Dende a Federación de Anpas de Redondela denuncian unha vez máis uns recortes que prexudican a todo o alumnado e, de xeito máis alarmante, a aqueles nenos e nenas con necesidades especiais. A cara positiva chega co transporte escolar que a día de hoxe garante o traslado a todo o alumnado sen necesidade de botar man do servizo de taxis que financiaba o Concello. O presidente da Federación José Manuel Lago aproveita para mandar unha mensaxe a Iván Valles, cuxa renuncia ao cargo de concelleiro se daba a coñecer onte “oxalá máis persoas como el estiveran na vida política”.
“Os recortes afectan a todo o alumnado pero o mais prexudicado será o alumnado con necesidades de apoio específicas” afirma Lago quen insiste en que “seguen a producirse recortes e unha evidente falta de recursos que afecta directamente á atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE) e necesidades educativas especiais (NEE), vulnerando os seus dereitos e comprometendo o futuro educativo”.
Os recortes afectan a moitos dos centros de Redondela e o de Pazos de Borbén, pero especialmente preocupantes son os casos do CEIP Igrexa de Chapela, o CEIP Outeiro das penas e o CPI Curros Enriquez de Pazos.
No caso do CEIP Igrexa de Chapela estase a vivir “unha grave situación polo alta relación alumnado que precisa de atención específica e especial”.
No CEIP Outeiro das Penas suprimiuse unha das dúas unidades de 5º de Primaria, a pesar de contar cunha elevada porcentaxe de alumnado con necesidades de apoio. Isto tradúcese en que se incrementan as ratios, se reduce a atención individualizada e se compromete a calidade do ensino, mentres que o recorte do profesorado de apoio, esencial para atender ao alumnado con maiores dificultades, deixará sen a atención especializada que precisan moitos nenos e nenas, aumentando o risco de fracaso escolar e exclusión educativa.
Entenden que un dos motivos que está detrás destes recortes en atención débese a que redución no horario lectivo do profesorado de 25 a 23 horas semanais, “medida que non veu acompañada do necesario incremento de persoal docente”.
A cara positiva deste curso ten que ver co transporte escolar que logo da reorganización das liñas permite cubrir cos autobuses existentes a totalidade da demanda sen necesidade de recorrer aos taxis que durante o pasado curso trasladaban a algúns alumnos aos centros e que supoñía unha sobrecarga económica sobre as arcas municipais.
O presidente da Federación de Anpas tivo tamén palabras de agarimo cara o edil Iván Valles, trala súa renuncia ao cargo de concelleiro e que durante os últimos dous anos estivo ao fronte da área de ensino.









